PUBLICIDADE

Concerto de Os Liantes dentro do ciclo de música En Aberto en Arzúa

PorBisbarra

Mércores, 19 Agosto 2026 , , ,
Despois dos recitais de Sun Iou e Black, o certame continúa a súa actividade este xoves da man da banda folk Os Liantes.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa levando a cabo os concertos programados dentro da nova edición do Ciclo de música na rúa En Aberto. Este xoves chega a terceira proposta deste ano coa actuación de Os Liantes na Praza de Galiza ás 21:00h, coa entrada gratuíta e o acceso libre.Despois dos recitais de Sun Iou e Black, o certame continúa a súa actividade este xoves, 20 de agosto, da man da banda folk Os Liantes.

Fusionan a forza das gaitas e a percusión tradicional cunha rica instrumentación moderna que inclúe saxofón, bouzuki, violín, guitarra acústica e eléctrica. O seu obxectivo é ofrecer un directo dinámico e participativo, deseñado para conectar co público e no que é imposible non arrincarse a bailar.

Esta formación, nada no ano 2017 no municipio de Ribeira, recolle o rico legado das formacións históricas da súa contorna para traelo a unha nova vida. O seu repertorio é unha viaxe musical que mestura pezas tradicionais de Galicia e do arco atlántico con temas de composición propia, recollidos no seu traballo discográfico, o EP De repente, un burato, publicado no 2024. Foron gañadores do certame Interritmos en 2019 (o que os levou a actuar no escenario do Festival da Luz) e son tamén os organizadores do Bruón Folk Fest na súa parroquia natal.

PUBLICIDADE

O xoves 27 de agosto Pepe Piña y Los Robinson pechará o ciclo por este ano coa mellor música das décadas dos 70 e 80.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.