O Concello de Fene denuncia a aparición de verteduras incontroladas nas inmediacións de colectores e en camiños e zonas de monte. Así pois, fai un chamamento á cidadanía para actuar con responsabilidade, respecto e educación.
Desde a área de Medio Ambiente insístese en que os colectores e papeleiras están deseñados para acoller residuos domésticos específicos. Neste sentido, deixar fóra deles restos de obras, electrodomésticos, mobles ou residuos perigosos constitúe unha infracción, ademais dunha grave falta de respecto ao ben común.
“Estas condutas incívicas teñen un impacto ambiental moi negativo, deterioran espazos públicos e obrígannos a mobilizar medios extraordinarios de limpeza, cun custo que se asume entre toda a veciñanza”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Cristina García. Asemade, sinala que “un xesto tan sinxelo como informarse de onde depositar certos residuos ou esperar á data de recollida correspondente pode marcar unha gran diferenza”.
O Concello de Fene lembra á veciñanza que conta cun punto limpo situado en Vilar do Colo, no que se poden depositar de maneira gratuíta residuos que non teñen cabida na recollida ordinaria. Entre outros materiais, pódese deixar madeira, mobles, entullos de obra doméstica, ferralla, voluminosos, electrodomésticos, plásticos e PVC, aceite vexetal e mineral, aerosois, baterías, filtros, fluorescentes, pilas, termómetros, tóners, disolventes, pinturas líquidas, radiografías, pneumáticos e restos de podas domésticas.
O punto limpo permanece aberto de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas.
“Temos os recursos e infraestruturas necesarias para unha correcta xestión dos residuos”, subliña a edil. Finalmente, tras pedir “tolerancia cero co incivismo”, García, tamén lembrou que “a importancia de defender o medio ambiente e o benestar é unha causa de todas e todos”



