O Concello de Fene está a executar traballos de limpeza e acondicionamento do cubo do muíño situado no Parque Lineal do río Cádavo. Esta actuación que permitirá mellorar o estado de conservación deste espazo e recuperar elementos que levaban anos sen funcionar.
As intervencións inclúen a limpeza integral do cubo, o seu acondicionamento para evitar filtracións de auga e a renovación do sistema de iluminación. O obxectivo é poñer novamente en valor este elemento patrimonial e ambiental do Parque Lineal, mellorando a súa imaxe e as condicións de conservación, seguridade e desfrute por parte da veciñanza.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “o Parque Lineal é un dos espazos de lecer máis importantes do municipio e merece un mantemento continuo que garanta o seu bo estado”. Pola súa banda, a concelleira de medio ambiente, Cristina García, explicou que “con esta actuación non só recuperamos elementos que levaban anos sen funcionar, como a iluminación do cubo do muíño, senón que establecemos unha forma de traballar baseada na planificación e no mantemento periódico para evitar que o deterioro volva repetirse”.

Neste sentido, o Concello de Fene implantará un programa periódico de limpeza do cubo, que se desenvolverá de catro a cinco veces ao ano. A fin é evitar a acumulación excesiva de sedimentos e garantir un correcto funcionamento e conservación deste elemento.
Fene planifica a limpeza dos ríos urbanos
Por outra banda, o Concello de Fene ten previsto acometer durante a segunda quincena de setembro os traballos de limpeza dos cursos fluviais nas zonas urbanas do municipio.
As actuacións afectarán ao río Cádavo, ao seu paso polas zonas urbanas de Fene e Perlío, así como a diferentes tramos dos ríos situados nas zonas urbanas de Barallobre, Maniños e Limodre.
Desde o Goberno local aclárase que estas actuacións están condicionadas ás autorizacións de Augas de Galicia, competente en materia de xestión fluvial. Este organismo determina os períodos nos que poden executarse este tipo de intervencións para garantir a protección dos ecosistemas. Por este motivo, os permisos concédense para o mes de setembro, non sendo posible realizar estes traballos con anterioridade.
O Concello de Fene reafirma así o seu compromiso co mantemento e conservación dos espazos naturais do municipio. Así pois, aposta por unha planificación continuada das actuacións que permita preservar o patrimonio hidráulico e as zonas verdes e de lecer, sempre en coordinación cos organismos competentes e respectando os criterios ambientais establecidos.




