PUBLICIDADE

Ferrol adxudica as obras de mellora no complexo deportivo Javier Gómez Noya

As obras teñen un orzamento de máis de 450.000 euros

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou da proposta de adxudicación das obras de mellora no complexo polideportivo Javier Gómez Noya á empresa Iam Rumbo Instalacións e Obras, por un importe de 454.780,87 euros e un prazo de garantía total de seis anos, o que supón un incremento do prazo de garantía de cinco anos respecto do prazo mínimo de garantía de un ano que figura nos pregos.

José Manuel Rey Varela afirmou que “seguimos avanzando no proxecto da Cidade do Deporte”, a través desta importante actuación “melloraremos as prestacións da piscina climatizada, priorizando as necesidades esenciais de operación, accesibilidade, salubridade e eficiencia enerxética”.

A falta de mantemento desta instalación deportiva, ao igual que noutras dependencias municipais, provocou un notable deterioro funcional e estético dos espazos como os vestiarios, duchas e aseos. “Este investimento permitirá non só mellorar o día a día dos clubes e usuarios, senón tamén a eficiencia enerxética e a sustentabilidade da instalación”, subliñou.

PUBLICIDADE

INTERVENCIÓNS PREVISTAS

Entre as principais melloras destaca a instalación dunha bomba de calor aire‑auga específica para produción de ACS, que permite garantir unha temperatura estable durante puntas de demanda, reducir o consumo eléctrico e diminuír as emisións indirectas.

Así mesmo, a piscina contará cun sistema de automatización e control de dosaxe química, en cumprimento do Decreto 119/2019, do 19 de setembro, polo que se regulan os criterios hixiénico‑sanitarios das piscinas de Galicia. Este sistema permitirá unha xestión automática ou semiautomática segundo o parámetro medido, incorporando tamén un sistema multiparamétrico con medición continua de cloro libre, pH e turbidez.

No relativo á climatización, manterase a unidade existente no recinto de piscinas, que se atopa en bo estado, mentres que nos vestiarios se substituirá o sistema actual por unha nova unidade de tratamento de aire con recuperación de calor, mellorando a eficiencia e a calidade ambiental.

Ademais, actuarase nas instalacións de saneamento, coa instalación de duchas temporizadas e antivandálicas, renovación da rede e mellora da evacuación de augas.

Na zona do vaso da piscina, renovaranse os alicatados con materiais de maior calidade e durabilidade, eliminaranse elementos que dificultan a ventilación e substituiranse pavimentos por superficies antiescorregadizas nos aseos.

NOVO MOBILIARIO E ILUMINACIÓN

O proxecto inclúe a instalación de cabinas sanitarias modulares e a renovación dos elementos de lavabos con materiais en aceiro inoxidable, máis resistentes e hixiénicos.

En canto á iluminación, substituiranse as 24 luminarias halóxenas do pavillón por sistemas LED de alta eficiencia, con acceso sectorizado e dispositivos de control (detectores de presenza/ temporización), que permitirán reducir o consumo e facilitar o mantemento.

Así mesmo, procederase á impermeabilización da cuberta metálica na zona dos acumuladores, mellorando a conservación da instalación. O prazo de execución destas melloras é de tres meses.

Neste momento, están en mesa de contratación as obras de mellora na Casa do Deporte (188.000 euros), no pavillón Ensanche A (360.555,51 euros) e no de Santa Mariña (253.276,09 euros), que suman en total máis de 800.000 euros en investimentos destinados á mellora das instalacións deportivas.

Todos estes proxectos están cofinanciados pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e polos fondos europeos que se conseguiron neste mandato.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.