O Concello de Brión abre o prazo de inscrición en dúas iniciativas formativas gratuítas dirixidas a mulleres emprendedoras do rural: un curso formativo e un servizo de mentorizacions e asesoramentos individualizados. “Trátase dunha iniciativa gratuíta na que as mulleres emprendedoras de Brión poderán atopar información e un apoio personalizado para facer medrar o seu negocio, adaptarse ás novas normativas e avanzar cos proxectos”, comenta Rosa Romero, concelleira de Servizos Sociais.
O programa formativo desenvolverase do 9 ao 17 de setembro, ben de forma presencial, na aula CEMIT de Brión, ben en-liña, con total flexibilidade de horarios. Entre a formación que recibirán as mulleres que participen neste programa figuran seis eixos temáticos: vantaxes da economía social, creación dunha web, creación dunha tenda en-liña, programas de xestión para pequenas empresas, Verifactu e novas normativas obrigatorias para empresas, contido dixital e redes sociais e automatización de procesos e ferramentas de intelixencia artificial.
A participación é gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Para anotarse é preciso encher un formulario de inscrición: https://forms.gle/p8h5iFXjwWusRPFA7
Asesoramentos individualizados
Paralelamente, o Concello de Brión porá en marcha un servizo gratuíto de mentorización para mulleres emprendedoras, con apoio personalizado para desenvolver unha idea, mellorar a xestión dun negocio ou adaptarse ás novas obrigas legais. Un servizo que pode solicitarse xunto ao programa anterior ou sen el, xa que estes asesoramentos individualizados “están especialmente dirixidas a mulleres que teñan un negocio, unha idea de negocio ou queiran iniciar unha actividade por conta propia”, explica Rosa Romero.
Os asesoramentos abordarán como adaptarse ás novas normativas (Verifactu, facturación electrónica e outras obrigas legais), como mellorar a xestión do negocio para optimizar os recursos e como aproveitar oportunidades como as que ofrece o espazo colaborativo do coworking “Transformando en Brión”.
A participación é gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Máis información en hola@dallequedalle.com. Estas dúas formacións para mulleres emprendedoras están organizadas pol Concello de Brión, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.




