PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Ferrol adxudica tres grandes obras de aglomerado

PorBisbarra

Luns, 28 Outubro 2024 ,
O alcalde de Ferrol avanzou a adxudicación das tres obras de aglomerado.O alcalde de Ferrol avanzou a adxudicación das tres obras de aglomerado.

A xunta de Goberno local de Ferrol adxudicou tres importantes actuacións de aglomerado. Trátase das obras na estrada de Catabois, da rúa Doutor Baldomero Beceiro e da obra de reforzo e saneado do noiro na parcela da xunta veciñal de Doniños. Neste sentido, o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, indicou que se trata de intervencións para mellorar a calidade de vida da veciñanza de distintos barrios da cidade.

AGLOMERADO DA ESTRADA DE CATABOIS

No tocante ao aglomerado da estrada de Catabois, executarase entre a praza de Canido e a estrada FE-13, á altura rotonda CHUF. Nesta liña, o rexedor lembrou que se ampliou a zona de actuación ata a rotonda do CHUF debido ao elevado tráfico diario e ao desgaste dende a última renovación, no 2012.

Esta actuación de mellora prevista discorre exclusivamente na zona de rodaxe e nas zonas de aparcamento da estrada de Catabois. Esta vía foi cedida pola Xunta de Galicia ao municipio e na actualidade presenta un evidente estado de deterioro. Dita situación supón molestias á veciñanza e aos vehículos que circulan pola vía.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

As obras levaranse a cabo nunha superficie de 30.772 metros cadrados e unha lonxitude de case tres quilómetros. Trátase dunha das principais zonas de acceso ao núcleo urbano do concello, que é transitada por vehículos de todo tipo. Así pois, atendendo á importancia social e económica derivada do seu uso, a súa reparación resulta prioritaria.

A xunta de Goberno local aprobou a proposta de adxudicación desta obra á empresa Canarga SL por un importe de 354.595,99 euros. A empresa propuxo un incremento do prazo de garantía respecto do mínimo dun ano previsto nos pregos, chegando a cinco anos. O prazo de execución do contrato é de dous meses, dende o día seguinte a sinatura da acta de comprobación do reformulo da obra.

RÚA BALDOMERO BECEIRO

Outro aglomerado moi demandado e pendente dende hai varios anos é o da rúa Doutor Baldomero Beceiro, ao abeiro do POS+2022. Esta vía conecta o cruce de Serantes en dirección a Cobas e a estrada de Pazos. A lonxitude aproximada desta intervención é de 750 metros e a superficie do ámbito da actuación é de 2.650 metros cadrados.

Esta rúa presenta un deteriorado firme con fochas de certa profundidade e con perda da capa de rodaxe, provocando molestias á veciñanza, principalmente a vehículos lixeiros.

Así pois, o Concello de Ferrol adxudicou a obra por un importe de 51.479 euros á empresa Canarga SL, cun prazo de execución dun mes.

NOIRO XUNTA VECIÑAL DONIÑOS

A derradeira actuación adxudicada céntrase na mellora da calidade de vida no rural co reforzo e saneado do noiro na parcela da xunta veciñal de Doniños. “Estes traballos permitirán a reparación do muro, o reforzo da pendente mediante pedra escollera a media ladeira, conservando o camiño de serventía e novos caneiros de baixada e canalización de augas para garantir a duración e seguridade tanto do muro como do camiño”, avanzou o rexedor ferrolán.

A empresa Sergonsa Servicios SL é a adxudicataria dos traballos, por un importe total de 200.084,39 euros e cun incremento do prazo de garantía respecto do prazo mínimo ata os cinco anos.

O prazo de execución do contrato segundo o disposto nos pregos é de catro meses, dende o día seguinte a sinatura da acta de comprobación do reformulo da obra.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.