PUBLICIDADE

Ferrol aumenta o seu plantel con nove administrativos

O novos administrativos de Ferrol reforzarán as áreas de Estatística, Intervención, Deportes, Benestar, Recursos Humanos, Seguridade e Mobilidade, Servizos e Urbanismo.O novos administrativos de Ferrol reforzarán as áreas de Estatística, Intervención, Deportes, Benestar, Recursos Humanos, Seguridade e Mobilidade, Servizos e Urbanismo.

O Concello de Ferrol reforza a organización interna coa incorporación de novo persoal administrativo. “Seguimos traballando para contar cunha administración máis áxil, eficiente e preparada para responder ás necesidades da veciñanza”, sinalou o rexedor, José Manuel Rey Varela.

O novos administrativos pasarán a desempeñar o seu labor nas áreas de Estatística, Intervención, Deportes, Benestar, Recursos Humanos, Seguridade e Mobilidade, Servizos e Urbanismo. Así, refórzanse departamentos clave para o funcionamento diario do Concello e a prestación de servizos públicos de calidade.

O alcalde de Ferrol destacou tamén o esforzo realizado polo Goberno local para ordenar diferentes Ofertas de Emprego Público (OPE) de procesos anteriores, que por primeira vez se unificaron nun único proceso de convocatoria con nove prazas. Así mesmo, anunciou que “se incorporarán 24 funcionarios interinos procedentes da lista resultante deste proceso, co obxectivo de reforzar aquelas áreas que requiran máis recursos humanos”.

PUBLICIDADE

OPE 2026 EN FERROL

Hai unhas semanas, ademais, presentouse a OPE 2026 que oferta 93 prazas: 24 de novo ingreso e 69 de promoción interna. Entre os aspectos máis relevantes desta OPE está a cobertura integramente da Relación de Postos de Traballo na área de Servizos Sociais, que contará por primeira vez cunha praza de educador/a social.

No ámbito da seguridade, a OPE 2026 contempla o reforzo do cadro de mandos da Policía Local, cun intendente, un inspector principal, dous inspectores, un oficial e nove policías.

En relación ao servizo de bombeiros, todos os efectivos terán a oportunidade de promocionar de categoría, o que conleva unha mellora das súas retribucións económicas. Dentro da promoción interna ofértanse catro prazas de cabo de bombeiros e 30 de bombeiro-condutor. No tocante ao novo ingreso, son seis prazas de bombeiro-condutor, reforzando así a estrutura e operatividade do servizo.

A OPE 2026 inclúe tamén o fortalecemento da oficina técnica coa incorporación dun enxeñeiro/a técnico/a obras públicas e un arquitecto técnico/a. Asemade, contempla a incorporación de máis persoal á cuadrilla de obras.

14 POSTOS MÁIS

Ademais, recentemente publicouse no BOP a convocatoria de 14 postos en diferentes áreas. Entre eles, os de Coordinador/a de Seguridade e o de Xefe/a de Sección Seguridade, Mobilidade e Protección Civil.

Con este conxunto de medidas, o Concello de Ferrol continúa avanzando no reforzo do seu cadro de persoal. Neste sentido, o alcalde lembrou que “cando chegamos ao Goberno local había 423 traballadores públicos no concello e prevemos acabar o mandato con máis de 500”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.