O Concello de Ferrol participa, un ano máis, na Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebra no recinto feiral de Silleda, e que chega á súa 48º edición. Dende onte e ata o domingo, a cidade presenta a súa ampla oferta turística nun dos principais escaparates promocionais de Galicia.
Ferrol dá a coñecer nesta cita algunhas das súas celebracións máis emblemáticas, como a Semana Santa de Interese Turístico Internacional e a Festa das Pepitas, declarada de Interese Turístico de Galicia, dentro dun evento que acolle tamén a XII Feira das Festas de Interese Turístico de Galicia (Festur 2026) e o salón de turismo Turexpo Galicia.
Estas dúas citas, que atraen cada ano a centos de turistas, forman parte das 60 festas de interese turístico das catro provincias galegas, a maior cifra desde a posta en marcha de Festur no ano 2014.
O espazo expositivo de Ferrol conta cunha pantalla na que se proxectan vídeos promocionais da cidade, seguindo a liña da campaña turística “Toque Ferrol”, presentada o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur).
A concelleira de Turismo, Maica García, destacou a relevancia deste tipo de encontros para a promoción da cidade. “Estas feiras son unha excelente oportunidade para achegarnos a potenciais visitantes, establecer contacto con profesionais do sector e seguir reforzando a marca Ferrol como destino turístico de referencia”, sinalou.




