O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, copresidiu a Xunta Local de Seguridade do Concello de Ames xunto co alcalde, Blas García, nun encontro no que se analizaron en detalle os datos de seguridade do municipio e se trataron as principais liñas de actuación en materia de prevención e convivencia.
Durante a reunión, puxéronse en común os indicadores de seguridade, que reflicten que Ames conta cunha taxa de 28,73 delitos por cada mil habitantes, moi inferior á media de Galicia —segunda comunidade máis segura de España— e tamén por debaixo da media estatal, nun contexto no que España se sitúa entre os países máis seguros de Europa. Neste sentido, Julio Abalde destacou que “estes datos son froito do traballo constante e coordinado das forzas de seguridade, así como da implicación da administración local”.
O subdelegado incidiu especialmente en que “é fundamental a colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local, que permite optimizar recursos, mellorar a capacidade de resposta e ofrecer un servizo máis eficaz á cidadanía”. Nesta liña, salientou que a coordinación operativa entre ambos corpos resulta clave para manter e mellorar os actuais niveis de seguridade no municipio.
Outro dos puntos centrais da Xunta Local de Seguridade foi o seguimento do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, un programa impulsado polo Ministerio do Interior que reforza a colaboración entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. No caso de Ames, este plan é desenvolvido pola Garda Civil.
Ao longo do último curso, un total de seis centros educativos do municipio participaron en 56 actividades enmarcadas neste programa. Entre elas, 17 estiveron centradas nas tecnoloxías da información e a ciberseguridade, 14 no acoso e ciberacoso escolar, cinco nas adiccións como drogas e alcohol, outras cinco en discursos e delitos de odio, e o resto trataron cuestións como o uso responsable dos videoxogos e apostas, a violencia sobre a muller ou a prevención de delitos sexuais.




