A sede central do Partido Popular de Ourense acolleu unha reunión da xunta local na cidade. O encontro estivo presidido por Victoria Núñez acompañada polo presidente provincial da formación, Luís Menor. Nesta convocatoria anunciouse o reforzo do órgano local coa incorporación como secretaria de Marisol Díaz, actual directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta.
Luís Menor lembrou que durante o período de vixencia da xestora provincial tamén se adoptou un acordo semellante, co nomeamento de Sandra Quintas como secretaria, axudando así a fortalecer o labor da xestora.
Neste sentido, o presidente provincial pediu aos representantes populares na cidade o maior dos esforzos para trasladar á cidadanía “o auténtico compromiso por Ourense que o Goberno galego transforma en realidades”. Neste sentido, fixo alusión aos 12 compromisos para a capital asinados entre o presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, e o propio Luís Menor durante a campaña electoral das autonómicas. Segundo lembrou Menor, estes compromisos xa están ao 60% de grao de realización, entre proxectos concluídos e vixentes.
Pola súa banda, Victoria Núñez destacou que coa incorporación de Marisol Díaz á secretaría da xestora local “aumentamos a nosa capacidade de coordinación e, en consecuencia, de traballo”. Nesta liña anunciou que a listaxe da xestora local, que supera a vintena de membros, aumenta coa chegada de cinco persoas máis: o exalcalde Jesús Vázquez, o parlamentario autonómico Juan Casares, a exdirectora xeral de Familia, Amparo González; a presidenta do Colexio de Enfermería de Ourense, María José Menor; e Manuel Tejada, profesional do ámbito xudicial.

Destacou Núñez que a ampliación da xestora é un dos seus principais obxectivos, pois considera “fundamental seguir incorporando a persoas que desexen achegar novas ideas e proxectos, axudándonos a manter firme o compromiso de traballar pola cidade de Ourense”.
A xestora provincial do PP de Ourense alcanza así a trintena de persoas, entre membros natos, como os edís populares no Concello de Ourense; representantes do partido nos distritos da capital, e profesionais procedentes de diversos ámbitos.