PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

San Sadurniño organiza unha nova edición de “Apostando polo sector primario”

PorBisbarra

Mércores, 30 Outubro 2024 , ,
Programación das xornadas "Apostando polo sector primario" en San Sadurniño.Programación das xornadas "Apostando polo sector primario" en San Sadurniño.

A Casa da Xuventude de San Sadurniño volve acoller as xornadas “Apostando polo sector primario”, os días 8, 15 e 16 de novembro. Este evento está organizado pola administración local en colaboración coa Asociación Agroecolóxica A Cortiña, a Casa do Mel e a AGFA do Eume.

Un ano máis, estas xornadas achegarán casos de éxito na reactivación do medio rural e claves para avanzar na sostibilidade e soberanía alimentaria. A programación inclúe charlas e dúas visitas ás instalacións da Fusquenlla, o centro de transformación agroalimentaria. A participación nas actividades é gratuíta e non require inscrición previa.

Programación das xornadas

O 8 de novembro comezarán as xornadas cunha sesión sobre o envasado e comercialización de produtos apícolas, impartida polo apicultor e técnico da Casa do Mel, Iago Vilela. Ao rematar, as persoas asistentes poderán visitar “A Fusquenlla”, en Moeche, que conta cun espazo específico para a extracción e transformación de produtos apícolas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O 15 de novembro, o profesor e investigador Tonecho Meixide, que desenvolve o seu traballo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, falará sobre o presente e futuro da fruticultura en Galicia. Esta sesión será unha oportunidade para coñecer os retos e oportunidades do sector froiteiro galego, que ten altas posibilidades de crecemento debido á demanda de produtos de proximidade e alta calidade.

O 16 de novembro as xornadas concluirán cunha dobre actividade. Por unha banda, a presentación do proxecto “EoAlimenta”, da man de Eva Quiroga. Esta iniciativa explora estratexias para unha agroalimentación sostible desde o punto de vista ambiental e social, artellando arredor de si a pequena produción da biorrexión do Eo.

Pola outra banda, Carmen Caínzos, promotora da marca “Ay! Carmen”, e Cynthia Arias, que cultiva e envasa baixo a denominación “Bieiteiras”, compartirán as súas “Experiencias na Fusquenlla”. Así pois, ofrecerán unha perspectiva en primeira persoa sobre os desafíos e beneficios de participar en proxectos de autoconsumo e produción local. Ademais tamén se exporán as impresións de Susana Senra, quen emprega o centro para elaborar distintos envasados para autoconsumo. Esta actividade rematará cunha nova visita á Fusquenlla.

As xornadas “Apostando polo sector primario” encádranse na estratexia iniciada hai xa varios anos polo departamento de Desenvolvemento local. O obxectivo principal é promover a reactivación agroalimentaria do rural, tendo presente a sostibilidade social e ambiental recollida nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Así mesmo, con esta estratexia redúcese a pegada de carbono asociada ao transporte e fortalécese a economía local, creando emprego e asegurando o futuro do sector primario na comarca. Segundo o concelleiro de desenvolvemento local, Manolo Varela, “apostar polo desenvolvemento local é apostar pola nosa xente e polo noso territorio“.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.