Mª José Gómez Rodríguez (Lugo, 1976) é a Conselleira de Medio Rural desde o 2024. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, e desde 2008 profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés. No 2019 foi elixida alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións xerais de xullo de 2023, senadora pola provincia de Lugo. Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.
– Estamos en época de incendios, que medidas se implementaron este ano en materia de prevención?
– Este ano reforzamos a nosa aposta pola prevención dun xeito transversal. No mes de marzo presentamos a actualización do Pladiga deste 2026, que conta co maior orzamento da súa historia, cun total de 213 millóns de euros. Deste montante, 75,38 millóns van destinados de xeito exclusivo a prevención. Ademais deste incremento orzamentario incorporamos melloras a todos os niveis, tanto en prevención como en vixilancia, tecnoloxía e extinción; pero tamén no eido dos medios materiais e humanos.
En relación coa tecnoloxía, por poñer algún exemplo, destaca o lanzamento da aplicación móbil ALume, que lle permite á cidadanía poder alertar en caso de ver un incendio forestal, e que complementa ao tradicional 085. Trátase dunha app moi intuitiva e fácil de manexar, cun só click podes identificar a localización exacta do incendio e enviar, de xeito complementario, fotografías, mensaxes de voz ou outro tipo de información relevante. É unha ferramenta que nos axuda na detección temperá dos lumes e que xa conta con máis de 7.000 descargas.
Outra das novas incorporacións tecnolóxicas é a integración da Intelixencia Artificial ao noso sistema interno de xestión, e que nos permite identificar un incendio de xeito automático pola columna de fume, sen necesidade de ter que detectalo de xeito manual. Estamos tamén ampliando nun 30 % as cámaras de vixilancia ata chegar ás 241. A maiores disporemos de tres drons de vixilancia de última xeración para zonas de difícil acceso.
Todo isto súmase ao resto de melloras implementadas no ámbito dos medios humanos e materiais; como é o caso da incorporación de 42 novas brigadas fortalecer o dispositivo nesta tempada de alto risco, o que supón preto de 170 efectivos, ou o reforzo da Unidade de Directores de Extinción, especializada en grandes incendios forestais, que pasa a 15 compoñentes.
Con respecto aos medios materiais, contratamos dous novos avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado, polo que son 24 os medios aéreos dependentes da Consellería, aos que hai que sumar os do Goberno central. Ademais, aos 18 lotes de maquinaria pesada que temos despregados, sumamos 16 novos bulldózeres para labores preventivas e de extinción, de ser o caso.
Consideramos a formación como un axente clave para profesionalizar e modernizar o sector primario, e tamén para impulsar a remuda xeracional”
– O campo galego precisa de man de obra, que se pode facer dende a Adminsitración? Como evolucionan os plans de incorporación das persoas máis novas?
Unha das nosas prioridades neste sentido é o impulso á remuda xeracional, polo que convocamos achegas para favorecer a incorporación de persoas mozas ao agro e para plans de mellora asociados. Unha partida que, este ano, conta cun orzamento de 53 millóns de euros, a de maior dotación dende 2018. Se botamos á vista atrás, estas achegas apoiaron a incorporación de máis de 5.000 mozas e mozos ao campo
Con todo, para apoiar aos produtores hai que facelo dende o principio. Antes de comezar a traballar hai que adquirir os coñecementos necesarios, e por iso apostamos pola formación nos centros de formación e experimentación agraria.
Para seguir avanzando neste eido dende o Goberno autonómico deseñamos un ambicioso Plan de remuda, que xunto coas liñas de achegas e a formación, compleméntase con medidas como o Banco de Explotacións ou o programa de titorización e asesoramento.
– Como lle pode afectar a renovación da PAC a nosa comunidade ? Cal é o camino?
Por parte do Goberno galego reclamamos en varias ocasións un cambio nesta proposta comunitaria para evitar o recorte de fondos e a perda dos dous piares tradicionais da PAC, que na actualidade blindan as achegas directas os programas de desenvolvemento rural. Temos que ter en conta que o recorte pode chegar ao 22 %, o que suporía uns 80 millóns de euros anuais menos para o agro galego.
Neste contexto, seguimos reclamando unha PAC forte e ben dotada; así como que as rexións gocen de máis autonomía para poder contar con poder de decisión na xestión e planificación dos fondos europeos do sector agrario, co fin de adaptalos á realidade do noso territorio.
Os procesos de concentración parcelaria avanzan a moi bo ritmo, xa que son unha ferramenta de gran utilidade para mobilizar o territorio e paliar o minifundismo existente na nosa comunidade. Con elas incrementamos o valor dos terreos e aumentamos a base territorial das explotacións, o que contribúe a evitar o abandono de terras produtivas”
– A volta dun mes renovaranse os contratos de leite, a Consellería abriu inspección recentemente contra a entrada de leite foráneo, que nos pode decir?
O leite galego ten que acadar un prezo axeitado, que cubra os custos de produción e ofreza unha marxe de beneficio. Somos conscientes da situación que están atravesando os profesionais, e queremos deixar claro que na Consellería do Medio Rural sempre van atopar un aliado que defenda os seus intereses.
Levamos moito tempo traballando nesta liña. Mantemos un contacto constante co sector e dende hai meses vimos reclamando ao Goberno central unha modificación do paquete lácteo e da Lei da cadea alimentaria a nivel estatal, para reforzar a posición negociadora dos produtores.
Pola nosa parte, reforzamos os controis para verificar que se cumpre a lexislación na sinatura dos contratos, e tamén para vixiar que leite está entrando doutros países europeos e como se vende despois nos lineais.
– A Consellería vén de presentar o novo Observatorio de Prezos do sector primario ante o Consello Agrario, que supón e que aporta este instrumento?
É unha ferramenta de moita utilidade. Vai permitirnos facer un seguimento continuo dos prezos de diferentes produtos, tanto gandeiros, agrícolas como dos propios animais, co obxectivo último de poder detectar as alteracións máis destacables e protexer aos produtores.
Esta iniciativa diferenciará entre prezos semanais e mensuais en todos aqueles produtos con información rexistrada nos mercados. Contamos con que estea dispoñible nas próximas semanas.
– Como vai a afectar o tratado comercial entre a Unión Europea e o Mercosur o sector agrogandeiro galego? En que medidas está a traballar Consellería para defendelo?
Xa trasladamos en varios ocasións que o acordo entre a Unión Europea e Mercosur pode ter implicacións de gran importancia para o agro galego; e por parte do Goberno autonómico traballamos dende o primeiro momento para defender os intereses do sector.
De feito, o Observatorio de Prezos do que acabamos de falar forma parte do decálogo de accións impulsado polo Goberno galego para defender aos profesionais do sector ante este acordo. O desenvolvemento deste órgano estaba incluído tamén no documento conxunto asinado con Asaga e Unións Agrarias sobre esta cuestión.
O mencionado paquete de medidas incluía diferentes reclamacións e solicitudes ao Goberno central e á Comisión Europea, que foron trasladadas, por suposto. Dentro das accións propias da Consellería do Medio Rural (ademais do Observatorio de Prezos) contémplase a posta en marcha dun Plan de control específico en Galicia sobre os produtos importados que está a desenvolverse.
A maiores, estanse a levar a cabo novas accións de promoción dos produtos galegos tanto en Galicia como en territorio nacional e internacional no marco do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada. Asemade, para sensibilizar aos consumidores respecto aos produtos galegos está previsto executar iniciativas en novos formatos, de impacto máis directo, que complementarán ás campañas anuais de publicidade de produtos agroalimentarios de calidade.
Nestes momentos, seguimos insistindo na importancia de seguir reforzando os controis para garantir que a entrada de produtos agroalimentarios de terceiros países (de fóra da Unión Europea) cumpra estritamente a normativa e os requisitos establecidos.

– Cal o estado e o futuro dos procesos de reestruturación parcelaria en Galicia?
Avanzan a moi bo ritmo, xa que son unha ferramenta de gran utilidade para mobilizar o territorio e paliar o minifundismo existente na nosa comunidade. Con elas incrementamos o valor dos terreos e aumentamos a base territorial das explotacións, o que contribúe a evitar o abandono de terras produtivas.
Neste 2026 estamos investindo un 16,7 millóns de euros para seguir afondando nestes instrumentos e, no que levamos de ano, entregamos xa os títulos de tres concentracións (Verín, Alfoz e Mesía).
Ademais, ao longo de 2026 iniciaremos os trámites para abrir sete novos procesos, e pecharemos outros. O noso compromiso con este instrumento é entregar 25 parcelarias antes de 2028.
– Agora que parece que a formación profesional repunta, estáse a traballar dende a Consellería no desenvolvemento e promoción da formación profesional agraria?
Mantemos un compromiso firme coa formación, e considerámola como un axente clave para profesionalizar e modernizar o sector primario, e tamén para impulsar a remuda xeracional. Apostamos ademais por unha vertente eminentemente práctica e participativa, achegada á realidade do noso territorio e adaptada ás necesidades actuais do mercado laboral.
Como comentabamos antes, contamos con seis Centros de Formación e Experimentación Agraria distribuídos pola comunidade nos que se ofertan un total de oito ciclos de grao medio das diferentes modalidades e seis de grao superior que, por certo, están a ter moi boa acollida. Para o vindeiro curso 2026-2027 recibíronse 659 solicitudes para un total de 428 prazas.
A formación agraria é unha prioridade para o Goberno galego, e por iso cada ano traballamos para mellorar a nosa oferta. Para o curso 2026-2027 ampliamos de novo o número de prazas de novo ingreso, un 5 % con respecto ao curso que acaba de rematar, no que xa se incrementaran de xeito significativo.
A maiores, o ciclo superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal en réxime dual intensivo poderá cursarse por primeira vez no CFEA de Ribadeo. Con esta incorporación procuramos ampliar e equilibrar territorialmente a oferta pública agraria especializada, achegándoa tamén ao norte da provincia e á fronteira con Asturias.
Estas novidades súmanse ás implementadas o ano pasado, curso no que reabrimos a residencia do centro de Ribadeo, incorporamos o Curso de Especialización en Floraría e Arte Floral no CFEA de Guísamo e aumentamos o número de prazas na FP Dual (intensiva) de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal do CFEA de Sergude.









