PUBLICIDADE

Melide presenta a programación do Verán Cultural 2026 con propostas para todos os públicos durante os meses de xullo e agosto

O roteiro literario ‘O Melide das Letras’, o cine ao aire libre, a exposición sobre Ramón Otero Pedrayo, espectáculos familiares, concertos e actividades na área recreativa de Furelos conforman unha oferta de ocio variada e gratuíta

O Concello de Melide presenta a programación do Verán Cultural 2026, unha ampla oferta de actividades culturais e de lecer que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo e agosto con propostas pensadas para todos os públicos.

A programación arrancará este sábado 11 de xullo co roteiro literario ‘O Melide das Letras’, que dará comezo ás 19:00 horas na Rambla de San Pablo, 92. A iniciativa renderá homenaxe aos escritores e escritoras vinculados ao municipio a través das placas conmemorativas instaladas no marco deste proxecto.

O roteiro non precisa inscrición previa e estará guiado por Cristina Vázquez, técnica do Museo da Terra de Melide. Ademais, contará coa colaboración de Inma López Silva, que realizará un recitado das obras dos autores e autoras que non contan con familiares directos. Nos restantes casos, serán os propios familiares os que ofrecerán unha breve intervención diante da placa correspondente para lembrar a figura e o legado de cada escritor ou escritora.

PUBLICIDADE

Entre o 20 de xullo e o 6 de agosto, a entrada da Casa do Concello acollerá a exposición sobre ‘Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)’, unha mostra divulgativa dedicada a unha das grandes figuras da cultura galega. Poderase visitar entre as 09:00 e as 19:00 horas.

O programa continuará co ciclo ‘Río Furelos: Diversión e Cultura’, que levará á área recreativa diferentes espectáculos familiares os días 23 e 30 de xullo e 6 e 13 de agosto. Inventi Teatro presentará Tachán!, haberá unha xornada de xogos tradicionais con Un mar de xogos, o espectáculo de maxia participativa de Mago Noel e a proposta circense Enredos. A vela circo.

O cine tamén terá protagonismo co ciclo Cine na Rúa, que ofrecerá as proxeccións de Rondallas o 24 de xullo e Sirat o 31 de xullo, ambas ás 22:30 horas no parque Rosalía de Castro, con reparto de flocos de millo para o público asistente.

A música ocupará un lugar destacado dentro da programación cos concertos do ciclo Vermú no Camiño, que traerá a Melide a The Cruze Dúo (26 de xullo), Callos Gratis (2 de agosto), Clandestinos (23 de agosto) e Los Extraños Pasajeros (30 de agosto), todos eles ás 13:00 horas en distintos espazos da vila.

A programación inclúe tamén unha actividade dedicada á fotógrafa Mary Quintero, que o 14 de agosto protagonizará un taller de fotografía ás 11:30 horas no edificio Multiusos, seguido da proxección dun coloquio no que ela estará presente ás 19:30 horas na entrada da Casa do Concello. Para o taller podense formalizar as inscricións en cultural@concellodemelide.gal ou no whatsapp 679132720.

As actividades do San Roque Familiar completarán a programación os días 17 e 18 de agosto coa representación de Hoxe si! Sempre Arriba e Circo Cambuche, dous espectáculos dirixidos ao público familiar que se celebrarán na praza do Convento.

Con esta programación, o Concello de Melide aposta por achegar a cultura á veciñanza e ás persoas que visitan o municipio durante o verán. Suma literatura, patrimonio, música, cine, circo, teatro, maxia e actividades participativas en distintos espazos públicos da vila.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.