PUBLICIDADE

Melloras na Casa Indiana de Curtis para garantir a eficiencia dos servizos municipais

Visita de onte en Curtis

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as melloras realizadas co apoio da Xunta no edificio de uso público de Curtis coñecido como Casa Indiana. A través dun convenio, o Goberno galego destinou máis de 48.000 euros á instalación dun sistema de climatización interior mediante sistema centralizado de calefacción, que permite garantir condicións óptimas de confort térmico no edificio rehabilitado.

Segundo sinalou Diego Calvo, o obxectivo é garantir a prestación dos servizos municipais nas mellores condicións tanto para o persoal como para as persoas usuarias. O conselleiro enmarcou a iniciativa no apoio da Xunta ao eido local, con diferentes liñas que permitiron no último ano impulsar preto dun milleiro de proxectos distribuídos en practicamente todos os concellos galegos, promovidos tanto por parte das administracións locais como de colectivos veciñais.

Así, os concellos contan cada ano con diferentes convocatorias destinadas a facilitar a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais, como a orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11,4 millóns de euros, e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para actuacións de carácter estratéxico, que neste exercicio aumentou o orzamento a 10 millóns de euros.

PUBLICIDADE

O concello de Curtis recibiu nos últimos anos máis de 2,3 millóns de euros en achegas da Xunta a través das liñas de apoio ás administracións locais. Entre as actuacións máis recentes impulsadas polo Goberno galego figuran melloras nos servizos de abastecemento, en pavillóns deportivos e en sendas e camiños, así como a adquisición de diverso equipamento para servizos municipais.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.