PUBLICIDADE

Mugardos adicará 370.000 euros do POS a renovar beirarrúas

PorBisbarra

Venres, 7 Febreiro 2025 ,
Mugardos investirá 214.508 euros nas beirarrúas da rúa Corzás e 154.938 euros nas da rúa Peteiro.Mugardos investirá 214.508 euros nas beirarrúas da rúa Corzás e 154.938 euros nas da rúa Peteiro.

O Concello de Mugardos aprobou en pleno extraordinario os proxectos presentados ao POS+2025. Fíxoo cos votos a favor do PP, as abstencións do BNG e EU e o voto en contra do PSOE. O POS deste ano centra os seus investimentos na mellora das instalacións do Clube do Mar e na renovación do pavimento das beirarrúas na rúa Peteiro e na rúa Os Corzás.

No primeiro caso, os traballos no Clube de Mar de Mugardos contan cun orzamento de 98.806 euros. Consistirán na mellora da eficiencia enerxética mediante ventilacións mecánicas que evitarán a condensación e a humidade. Inclúese tamén o pintado e impermeabilización das fachadas exteriores, a renovación das fiestras empregando PVC, e o acristalamento triplo para aumentar o aforro enerxético.

Outra actuación aprobada no pleno é a renovación dos pavimentos de beirarrúa na rúa Corzás, orzamentada en 214.508 euros. Nesta rúa, anos atrás cambiouse unha parte das beirarrúas debido á rotura dos sumidoiros. En base ao bo resultado do formigón semipulido, rematarase a obra seguindo a mesma liña. A substitución da beirarrúa evitará o levantamento de plaquetas, e permitirá un mellor coidado e mantemento.

PUBLICIDADE

Por último, levarase a cabo tamén con cargo ao POS 2025 a renovación dos pavimentos de beirarrúa na rúa Peteiro, cun investimento de 154.938 euros. Nesta rúa levarase a cabo unha intervención similar á anterior, pero ademais mellorarase a accesibilidade para enlazar en toda a superficie transitable coa senda peonil construída pola Xunta de Galicia no Baño.

Asemade, o Concello de Mugardos destinará 68.000 euros do POS Adicional a gastos correntes.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.