O Teatro Jofre mellorará a súa iluminación exterior. A Xunta de Goberno local aprobou o proxecto básico e de execución de mellora de eficiencia de iluminación exterior do Teatro Jofre Centro Histórico de Ferrol, presentado pola Deputación da Coruña.
Actualmente o teatro Jofre dispón de iluminación ornamental na fachada, o cal non permite regulación cromática nin é eficiente en termos de consumo enerxético, o que se traduce en maiores custos e un impacto negativo no medio ambiente. O obxectivo do proxecto é deseñar e instalar un sistema de iluminación ornamental que cumpra cos estándares vixentes e proporcione un ambiente visual confortable, eficiente e adaptado ás necesidades do espazo. O sistema permitirá unha regulación cromática versátil para adaptarse a diferentes conmemoracións.
Entre as medidas previstas, proponse a instalación de luminarias LED RGBW con control DMX e bluetooth, que permitirán variar a cor e a intensidade da iluminación, achegando dinamismo á fachada. Ademais, axustarase á arquitectura da fachada ampliando a zona iluminada, para incluír toda a súa lonxitude e altura. Para iso, manteranse os puntos de luz existente e instalarase o mesmo tipo de proxecto para toda a fachada.
O orzamento do proxecto é de 20.191,15 euros, que asumirá a Deputación da Coruña, e o prazo de execución estimado é de dous meses.




