PUBLICIDADE

O alcalde de Ames, Blas García, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitan as obras de construción do CEIP Gerardo Fernández Albor

PorBisbarra

Martes, 4 Agosto 2026 , , ,
A previsión é que as obras, que está a executar o Grupo Puentes, estean rematadas antes de setembro de 2027 e o centro, por tanto, abra as súas portas para o curso 2027/28

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou esta mañá, xunto co alcalde de Ames, Blas García, o avance das obras de construción do novo Colexio Gerardo Fernández Albor, no Milladoiro. Neste momento os traballos avanzan a bo ritmo e segundo o previsto, aproveitando o verán para intensificar o ritmo nas actuacións exteriores. Así as cousas, a previsión é que as obras, que está a executar o Grupo Puentes, estean rematadas antes de setembro de 2027 e o centro, por tanto, abra as súas portas para o curso 2027/28.

Precisamente o Consello aprobou onte darlle ao centro o nome do primeiro presidente electo da Xunta de Galicia. Deste xeito, bautizar este colexio, o primeiro deseñado de xeito íntegro en base ao Plan de nova arquitectura pedagóxica que establece un novo modelo de centros á vangarda, servirá para pechar un ciclo e render homenaxe ao gran avance que experimentou a educación pública galega nos últimos 40 anos.

En canto ao proceso de obra, o conselleiro declarou que “todo vai sobre o previsto, temos un terzo da construción rematada neste momento. A idea é que poida estar listo para comezar o curso que vén, en setembro de 2027”. Román Rodríguez tamén sinalou que “estamos ante un centro educativo que vai ser unha referencia dende a perspectiva dos novos espazos educativos, xa que vai ser o primeiro colexio que se fai dentro do novo plan de arquitectura pedagóxica. É un espazo que vai dar moito confort a toda a comunidade educativa, preparado dende a perspectiva climática e buscando o aforro enerxético. Vai ser un colexio de referencia nun dos poucos concellos que ten crecemento positivo”.

PUBLICIDADE

No caso do alcalde de Ames, Blas García, este defendeu “o que defendo sempre: a colaboración institucional entre distintas administracións. A Xunta de Galicia ten unha cor política distinta á do Goberno Municipal de Ames, pero iso non impide que teñamos todos a vontade de poder chegar a acordos, poder facer cesións, poder facer o que nos toca a cada un no seu momento… Nós imos urbanizar no mes de xaneiro a parte frontal da escola, que é o que nos toca. Eles fan a obra e nos achegamos aos nenos e nenas para que veñan aquí”.

Espazos flexibles e polivalentes

A Xunta está a investir máis de 11,6 M€ na construción deste colexio que, de acordo cos parámetros do citado plan, contará con espazos polivalentes e flexibles. O deseño do centro propón volumes baixos e adaptados á paisaxe, con boa iluminación natural e en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín, especialmente os espazos de uso colectivo. Ademais, o colexio contará cun foro multifuncional que servirá como lugar de aprendizaxe aberto e que se situará no espazo central do primeiro andar, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

A superficie construída será de 4.886 m² separada en dous andares, con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio e desdobre de grupos, aula de música e sala de usos múltiples, ademais dun Polo Creativo. Así mesmo terá biblioteca, ximnasio con vestiarios, área de administración (despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

As zonas para actividades de carácter colectivo sitúanse próximas aos accesos ao exterior, mentres que as destinadas a aulas e actividades administrativas se sitúan no ámbito sur, en contacto visual cos espazos exteriores de patio e xardín. As aulas de Primaria están protexidas por soportais e as de Infantil dispoñen de cadanseu espazo exterior cuberto para evitar a incidencia solar ou da choiva sobre as mesmas. Os 1.974 m² de espazos exteriores distribúense entre zona cuberta e descuberta para as aulas de Infantil e pista polideportiva cuberta e descuberta.

A accesibilidade será universal e inclusiva, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias e itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos. Ademais de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visible, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia do edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.