O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañou esta mañá á conselleira de Planificacións de Infraestruturas e Vivenda, María Martínez Allegue, na súa visita ás obras de reurbanización da rúa Rubalcava que se están a executar entre a rúa Doutor Fleming e a avenida do Rei.
O rexedor destacou a importancia desta intervención “nunha das principais arterias de saída do centro da cidade, moi importante para Ferrol e máis concretamente para os barrios de A Magdalena e Canido”. Con esta reurbanización mellorarase a trama urbana na totalidade desta rúa e con ela farase desta vía un espazo máis accesible e amable, pensado para todos os veciños e veciñas. Este tramo de actuación conta cun investimento de 1,5 millóns de euros e os traballos estanse a desenvolver segundo o previsto. O alcalde avanzou que proximamente se iniciarán noutros tramos da vía.
O alcalde agradeceu a visita da conselleira así como o impulso que está dando a Administración autonómica á cidade co convenio de rexeneración urbana ao abeiro do que se atopan estas obras, así como en outras actuacións como Abrir Ferrol ao Mar e en materia de vivenda, “con máis de 350 vivendas de promoción publica e co investimento máis elevado neste ámbito que vimos nunca en Ferrol”. “A mellora da cidade está sendo compartida entre Xunta e Concello”, engadiu.
Pola súa banda, a conselleira lembrou que o convenio de rexeneración urbana contempla 20 actuacións na cidade que permitirán “impulsar ese desenvolvemento económico e o embelecemento desta fermosa cidade” e que está dotado con 12 millóns de euros.
INTERVENCIÓNS NA RÚA
Estes traballos están a permitir renovar os pavimentos de beirarrúas e calzada mediante a incorporación de materiais de calidade, acordes coa edificación existente e coa estética das rúas perpendiculares, e estanse a instalar novas canalizacións.
En canto ao pavimento das beirarrúas, neste tramo está preivsta a colocación laxas de granito gris. Na calzada, o carril de circulación terá un ancho de tres metros e estará executado en formigón armado con acabado pulido, de 25 centímetros de espesor. A zona de aparcamento, situada na marxe esquerda, terá un ancho de 1,90 metros e pavimentarase con lastras de granito recuperados da demolición da rúa. Na intersección da rúa Rubalcava coa avenida Doutor Fleming e rúa Almendra, os pasos de peóns son elevados e executados con formigón armado negro de 25 centímetros de espesor.
O cruzamento con Doutor Fleming contará cun espazo de estancia con zonas axardinadas e bancos, que separarán as áreas peonís do tráfico rodado. En todo o tramo instalaranse novas luminarias led.




