PUBLICIDADE

O Concello de Arzúa presenta a programación das Festas do Carme 2026

A organización desta edición será asumida de maneira excepcional polo Concello, mentres a comisión traballa coa previsión de retomar a organización da festa en 2027.

O Concello de Arzúa organiza este ano de maneira excepcional as Festas do Carme, que se celebrarán entre os días 16 e 19 de xullo, cunha programación pensada para manter viva unha das celebracións máis emblemáticas do calendario festivo local.

A decisión prodúcese despois de que a comisión organizadora trasladase a súa imposibilidade de asumir a organización da edición de 2026. Ante esta circunstancia, o Concello decidiu impulsar directamente a programación deste ano co obxectivo de garantir a continuidade da festa e ofrecer á veciñanza unha proposta que manteña o carácter participativo, aberto e popular que a define.

O goberno municipal quere expresar o seu recoñecemento á Comisión das Festas do Carme polo traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos. Grazas ao esforzo e á implicación das persoas que formaron parte da organización, esta celebración consolidouse como unha cita de referencia para a veciñanza e para todas aquelas persoas que visitan Arzúa durante estas datas.

PUBLICIDADE

Programación das Festas do Carme 2026

A programación desenvolverase ao longo de catro xornadas e combinará actividades musicais, animación de rúa e propostas destinadas a diferentes públicos.

Xoves, 16 de xullo
10:30 h. Pasarrúas a cargo da BMA.
14:00 h. Concerto coa BMA, na Praza de Galiza.
20:00 h. Concerto da BMA, na Praza de Galiza.
21:30 h. Discomóbil con DJ Pájara Boba, na Praza de Galiza.

Venres, 17 de xullo
14:00 h. Concerto do Bringuelo – Escola de Música Tradicional de Arzúa, na Praza de Galiza.
20:00 h. Concerto do Bringuelo – Escola de Música Tradicional de Arzúa, na Praza de Galiza.
22:30 h. Verbena coa Orquestra Galilea e discomóbil con DJ Casanova, na Feira.

Sábado, 18 de xullo
14:00 h. Concerto de Luar das Augas, na Praza de Galiza.
20:00 h. Concerto de Luar das Augas, na Praza de Galiza.
22:30 h. Discomóbil con DJ Toni Salvaje, na Praza de Galiza.

Domingo, 19 de xullo – Festa na Área Recreativa de Ribadiso
Baixo o lema “Anímate a vir xantar ao río!”, a programación trasladarase á Área Recreativa de Ribadiso.
18:30 h. A merendiña do Carme. Merenda para todas as crianzas asistentes.
19:00 h. Concerto infantil de Uxía Lambona e a Banda Molona.
20:00 h. DJ Pájara Boba.

Tanto o Concello como a Comisión das Festas do Carme coinciden na importancia de dar continuidade a esta tradición festiva. Neste sentido, a comisión manifestou a súa vontade de retomar a organización da festa na vindeira edición, unha vez poida contar coa planificación e os recursos necesarios para afrontar a preparación do evento nas condicións axeitadas.

O Concello reafirma tamén o seu compromiso de seguir colaborando co tecido asociativo e coas comisións de festas do municipio, recoñecendo o papel fundamental que desempeñan na dinamización social, cultural e comunitaria de Arzúa.

As Festas do Carme constitúen unha cita moi esperada pola veciñanza e polas persoas que visitan Arzúa durante o verán. Por iso, o goberno municipal anima a toda a veciñanza a participar nas actividades programadas e a contribuír, unha vez máis, ao ambiente de convivencia e celebración que caracteriza estas datas.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.