O Concello de Boqueixón continúa co seu plan de mantemento e mellora dos locais sociais do municipio. Nestes días, completou as obras de mellora no local social de Noente, onde procedeu á instalación de novos canalóns e baixantes en aluminio lacado, así como ao lavado e pintado integral de todo o inmoble, tanto nas súas dependencias interiores como no seu exterior. Unha melloras nas que o Concello de Boqueixón investiu máis de 6.000 euros procedentes de fondos propios.
“Seguimos mellorando os espazos de encontro da nosa veciñanza”, explica o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen indica que “agora estamos traballando na eliminación de humidades no centro social de Lamas, de forma que nos últimos meses xa temos avanzado no arranxo e mellora de moitos locais sociais municipais como os de Loureda, A Granxa ou Pousada”.
Local social de Lamas
Por outra banda, o Concello de Boqueixón vai investir máis de 25.000 euros na mellora do local social de Lamas, solucionando así os danos existentes na envolvente da súa fachada, que presenta grandes manchas de humidade e falta de pintura. As obras acometeranse nas próximas semanas.
Os traballos consistirán na desmontaxe das baixantes exteriores e canalóns, así como doutros elementos situadas na fachada, incluídos os portais. Despois procederase ao illamento térmico polo exterior da fachada do local social, composto por un panel ríxido de poliestireno expandido, fixado ao soporte con morteiro, e cunha capa de regularización de morteiro, armado con malla de fibra de vidro. A envolvente completarase cunha capa de acabado de morteiro decorativo e nunha cor acorde ás establecidas na Guía de Cores de Galicia para a gran área paisaxística de Galicia Central. Completarase a actuación cun canalón circular e unha baixante de augas pluviais, ambas en aluminio lacado.
“Con este novo revestimento continuo SATE garantimos a durabilidade da actuación, xa que é un sistema que ten un mellor comportamento ante a choiva que a simple pintura sobre enfoscado”, explica o alcalde, Ovidio Rodeiro, que asistiu ao acto de replanteo da obra.




