A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais de Brión, Rosa Romero Fariña, presidiu esta mañá a cuarta sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Brión. Unha sesión que estivo acompañada da xornada formativa “A cara B das violencias machistas”, impartida por Arabías e co financiamento da Deputación da Coruña.
Rosa Romero desculpou a ausencia de última hora do alcalde, Pablo Lago, e agradeceu a asistencia de todas as persoas e entidades presentes no centro social polivalente pois “son consciente do traballo que levades facendo pola erradicación da violencia de xénero ao longo dos últimos anos. Horas de traballo e esforzo para dar apoio ás vítimas, educar en igualdade, deter aos agresores… Cada persoa e entidade dende o seu ámbito profesional”.
Así mesmo, destacou a relación directa das persoas presentes coa veciñanza de Brión porque “dende esta proximidade podemos actuar dun xeito máis eficaz e eficiente, como recolle o Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres que aprobamos en abril deste mesmo ano e que estará vixente ata o 2030. Un Plan que incorpora medidas e un código de boas prácticas para integrar a perspectiva de xénero na xestión e na actividade diaria do noso Concello”.
Xornada formativa
Tras a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero, o centro social polivalente acolleu a xornada formativa “A cara B das violencias machistas”, deseñada para afondar na abordaxe integral e estrutural das violencias machistas desde unha perspectiva de dereitos, analizando os debates actuais sobre os conceptos de vítima e supervivinte.
Entre os seus obxectivos, a xornada formativa buscaba nomear e visibilizar en plural as diferentes manifestacións e ámbitos das violencias machistas, superar os estereotipos de “perfil de vítima perfecta” e poñer en valor o potencial do concepto de supervivinte e fortalecer as redes de apoio e os espazos de reparación no noso territorio.
Esta cuarta sesión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Brión contou coa participación da xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, Manuela Vilaboy; da xefa do Departamento de Servizos Sociais de Brión, Victoria Varela Rodríguez; Marcos Delgado García, xefe da Policía Local; Beatriz Yáñez, técnica de Igualdade do Concello de Brión, así como integrantes dos Servizos Sociais brioneses.



