O tenente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, e o concelleiro de Servizos, José Tomé, reuníronse esta mañá coa directiva da AVV de Pazos, presidida por Juan Carballo, para supervisar os traballos realizados no marco do plan de barrios.
Díaz Mosquera avanzou que o Concello acometará, con cargo ao POS complementario do 2025, a mellora do local veciñal orzamentada en máis de 82.000 euros. As actuacións previstas permitirán renovar e acondicionar este espazo para adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza. Entre as actuacións previstas están a limpeza e impermeabilización da cuberta, a reparación e substitución de falsos teitos danados e actuarase sobre os paramentos interiores e fachadas, co fin de tratar as humidades existentes. Finalizaranse os solos das estancias situadas na planta inferior do edificio e mellorase a iluminación existente, coa instalación de luminarias con tecnoloxía LED.
O tenente alcalde destacou a importancia desta intervención, subliñando que “cumprimos o compromiso de mellorar e acondicionar os locais veciñais para que poidan seguir desenvolvendo as súas actividades en condicións axeitadas”. Neste sentido, incidiu en que “a posta a punto do local de Pazos supón un paso máis na mellora do benestar dos veciños e veciñas da parroquia”.
Ademais, Díaz Mosquera puxo en valor o papel destes espazos como “auténticos puntos de encontro e convivencia”, fundamentais para dinamizar a vida social e fortalecer o tecido comunitario. “Queremos que os locais veciñais sexan lugares vivos, accesibles e útiles, onde se promovan actividades culturais, sociais e participativas que contribúan a facer barrio”, engadiu.
Así mesmo, o concelleiro de Servizos, José Tomé, trasladou á entidade veciñal que “está en fase de licitación o aglomerado dos camiños da Regueira e Seara-Coimil, na parroquia de Pazos”. O orzamento destas dúas actuacións é de 125.275,73 euros, e inclúesen dentro do POS+2025.
Dende a asociación de veciños, o seu presidente agradeceu ao Goberno local o interese polo barrio de Pazos, as actuacións que se levarán a cabo no local e trasladoulles a petición de continuar coa segunda fase das beirarrúas.


