O Concello de Melide habilitará na zona do Campo da Feira o punto de observación recomendado para seguir a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto. A decisión responde a criterios de seguridade, co obxectivo de concentrar a observación nun espazo preparado para acoller ás persoas asistentes e garantir un dispositivo específico que permita apreciar este fenómeno astronómico nas mellores condicións posibles.
O punto de observación situarase na contorna da nave do Campo da Feira, entre a rúa Circunvalación do Campo da Feira, a rúa Grupo Sindical e a rúa Río Furelos. O espazo contará cunha capacidade estimada para arredor de 1.000 persoas e estará dotado dun dispositivo específico de seguridade, coordinado cos servizos de emerxencias. O acceso e a saída realizaranse pola rúa Circunvalación do Campo da Feira e pola Rúa Río Furelos, coa finalidade de favorecer a mobilidade e garantir un acceso seguro.
Zonas de exclusión
O Concello establece tamén diversas zonas de exclusión. Estas zonas comprenden a explanada de aparcamento de camións situada na contorna da Circunvalación do Campo da Feira e da Rúa Inés de Castro, onde tamén se atopa a área de autocaravanas; a área recreativa de Furelos; o parque Rosalía de Castro; a zona do campo de fútbol; a zona de aparcamento público con acceso desde a avenida Habana e a Rúa Peregrinos; a zona do Castelo; o aparcamento público con acceso desde a rúa México; e o Cantón de San Roque.
O Concello de Melide lembra que o dispositivo específico de seguridade estará operativo unicamente no punto de observación habilitado na zona do Campo da Feira. Por este motivo, recomenda á cidadanía utilizar este espazo e seguir en todo momento as indicacións dos servizos de seguridade e emerxencias para garantir unha observación organizada e segura da eclipse.
Folleto informativo
De igual maneira e para que a veciñanza dispoña de toda a información necesaria antes da eclipse, o Concello remitirá aos domicilios un díptico informativo no que se recollen as principais recomendacións para observar este fenómeno con seguridade. Entre outras cuestións, incídese na utilización exclusiva de lentes homologadas para a observación solar, na importancia de non mirar directamente ao Sol nin empregar métodos inseguros, así como na conveniencia de planificar os desprazamentos con antelación, acudir ao punto de observación habilitado e seguir en todo momento as indicacións dos servizos de emerxencia.




