O Concello de Rois publicou un bando municipal no que establece unha serie de restricións temporais no uso da auga debido á diminución das reservas dispoñibles, co obxectivo de garantir o abastecemento de auga potable para o consumo humano e os usos esenciais.
Entre as medidas adoptadas figura a prohibición de encher total ou parcialmente piscinas privadas, así como lavar vehículos mediante mangueira ou outros sistemas que empreguen auga da rede municipal. Tamén queda prohibida a rega de xardíns, de zonas verdes, de hortas de lecer e de espazos ornamentais utilizando auga procedente da traída municipal.
Ademais destas restricións, o Concello fai un chamamento á colaboración da veciñanza para realizar un uso responsable da auga, “evitando consumos innecesarios e adoptando medidas de aforro tanto nos fogares como nos establecementos comerciais”.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, sinala que estas medidas teñen un carácter preventivo e resultan necesarias para preservar un recurso esencial como é a auga e asegurar a súa subministración a toda a poboación mentres persista a actual situación de diminución das reservas.
As restricións permanecerán en vigor “ata que a situación do abastecemento permita a súa retirada”, polo que o Concello agradece de antemán a comprensión e implicación da veciñanza, lembrando que a colaboración de todas e todos será fundamental para superar esta situación co menor impacto posible.



