PUBLICIDADE

O Museo da Terra de Melide denuncia danos no cruceiro de Vilouriz en Toques

Situación na que quedou o cruceiro. FOTO: Museo da Terra de Melide

Os técnicos do Museo da Terra de Melide veñen de comunicar os danos ocorridos no cruceiro de Vilouriz en Toques nos últimos días. Apuntan que “seguramente foi consecuencia da embestida accidental dun vehículo. Trátase dun novo incidente que vén sumarse a outros semellantes sufridos por estes elementos do noso patrimonio, tan valiosos como vulnerables, especialmente aqueles situados nas marxes das vías de circulación”

Dende o Museo da Terra de Melide puxéronse en contacto coa Garda Civil de Melide, co Concello de Toques, e co Servizo do Camiño da Xunta de Galicia, coa finalidade de facilitar as actuacións necesarias para a súa recuperación.

Engaden que “agardamos que o cruceiro poida ser restaurado canto antes e colocado novamente no lugar que lle corresponde. E facemos extensivo este desexo a outros dous cruceiros da nosa bisbarra que tamén sufriron danos, xa hai un tempo importante, e aínda están pendentes de recuperación, sendo estes o do Barreiro e da Fonte Santa dos Ánxeles, ambos no concello de Melide. Ogallá poidamos velos de novo nos seus lugares habituais”.

PUBLICIDADE

Insisten dende o Museo da Terra de Melide en que “é convinte dotar a estes elementos de medidas de protección física que axuden a previr accidentes deste tipo. En moitos casos, un sinxelo peche perimetral, respectuoso coa contorna e co propio monumento, podería servir de amparo fronte á embestida accidental dun vehículo”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.