O Concello de Ferrol segou máis de 40.100 metros cadrados en Esteiro no marco do Plan de barrios. Neste sentido, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o concelleiro de Servizos, José Tomé, reuníronse coa asociación veciñal de Esteiro para repasar as actuacións levadas a cabo.
Ademais, o servizo de conservación de zonas verdes, parques e xardíns limpou zonas verdes e podou de árbores e arbustos. Así mesmo, plantáronse máis de 700 unidades de viola tricolor e 64 unidades de cyclamen latina.
“O mantemento das zonas verdes e dos espazos infantís son unha das principais demandas das entidades veciñais”, afirmou o rexedor. A través deste plan, Ferrol ofrece un servizo integral e coordinado que permite actuar durante unha semana de maneira intensiva no barrio.
O servizo de limpeza encargouse da roza de máis de 17.500 metros e da limpeza de máis de 200 contedores. A empresa de mantemento eléctrico levou a cabo 24 actuacións de mantemento correctivo e preventivo.
Rey Varela aproveitou o encontro coa veciñanza para trasladar o avance nas obras do proxecto de Abrir Ferrol ao mar. Na fase de Esteiro permitirá a continuidade da senda peonil e do carril bici, así como a recuperación e potenciación da alameda como espazo natural emblemático na cidade.
O vindeiro luns o plan de barrios trasladarase a Recimil.



