PUBLICIDADE

O PP de Melide pide á Deputación quedeixe de adiar a mellora da DP-4603 en Santa María

Foto denuncia do estado da estrada

O Partido Popular de Melide volve reclamar á Deputación da Coruña unha actuación urxente na estrada provincial DP-4603 ao seu paso por Santa María, especialmente no relativo á mellora das beirarrúas, das sendas peonís e da seguridade viaria neste tramo.

A demanda, impulsada polo Grupo Municipal do PP de Melide a través dunha moción aprobada por unanimidade no pleno municipal, foi trasladada agora ao pleno ordinario da Deputación polo deputado provincial e portavoz do Grupo Popular, Evaristo Ben, quen pediu explicacións ao goberno provincial sobre a situación desta actuación e sobre os prazos previstos para dar resposta a unha necesidade evidente. Dende o PP de Melide lembran que se trata dunha estrada de titularidade provincial e, polo tanto, é a Deputación da Coruña, gobernada por PSOE e BNG, quen debe asumir a súa responsabilidade e actuar nun tramo que presenta importantes deficiencias para a seguridade dos veciños, peóns e peregrinos que transitan pola zona.

Os populares melidenses subliñan que esta reclamación non nace agora, senón que responde a unha demanda veciñal e a un acordo unánime da Corporación municipal. “Existe un acordo unánime da Corporación municipal e unha demanda clara da veciñanza. Agora a Deputación debe dar unha resposta concreta e fixar prazos para actuar en Santa María”, sinalan.

PUBLICIDADE

O PP de Melide reclama que a institución provincial deixe de adiar esta intervención e concrete unha planificación real para reparar as beirarrúas e mellorar a seguridade viaria en Santa María, incluíndo medidas de calmado de tráfico, mellora da sinalización e solucións que garantan unha circulación máis segura para vehículos e peóns. “Falamos dunha vía provincial, dun problema coñecido e dunha actuación necesaria. A Deputación non pode seguir mirando para outro lado mentres Santa María agarda por unha solución”, conclúen dende o Partido Popular de Melide.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.