O Proxecto Cobre San Rafael foi presentado hoxe como caso práctico nunha xornada técnica celebrada na sede do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia (COITGME), en Santiago de Compostela. O encontro, baixo o título ‘Depósitos de estériles de planta e o estándar internacional da xestión de relaves’, reuniu a profesionais do sector mineiro, representantes da administración e expertos en sustentabilidade ambiental.
A conferencia principal estivo a cargo do Dr. Roberto Lorenzo Rodríguez Pacheco, científico titular do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME-CSIC), quen realizou unha análise detallada dos depósitos de estériles de planta, centrando a súa intervención no estándar internacional de xestión de relaves (GISTM polas súas siglas en inglés). Durante a súa exposición, Dr. Rodríguez Pacheco destacou as liñas para unha correcta planificación, construción, mantemento e clausura destes depósitos, cun enfoque preventivo e de minimización de riscos ambientais.
Durante a sesión, Francisco Javier Amorrortu, responsable técnico do proxecto Cobre San Rafael, deu a coñecer a solución técnica proxectada para o depósito de estériles de planta previsto no proxecto de reactivación da produción de cobre da antiga mina de Touro – O Pino. Esta proposta, segundo explicou, foi deseñada atendendo aos máis altos estándares internacionais e inclúese como parte esencial do proxecto global, actualmente á espera dunha avaliación técnica por parte da Xunta de Galicia.
A xornada serviu como punto de encontro para o intercambio de coñecementos técnicos e experiencias sobre a xestión segura e sostible dos estériles mineiros, consolidando a unha visión colaborativa entre a comunidade científica e empresas para avanzar cara a un modelo mineiro máis seguro, transparente e respectuoso co medio ambiente.