O Concello de Oroso reuniu ás entidades deportivas, sociais e culturais do municipio co obxectivo de coordinar e promocionar a oferta de campamentos de conciliación prevista para este verán, que este ano alcanza unha cifra récord con 11 propostas diferentes e centos de prazas dispoñibles para as familias.
A oferta inclúe tanto os campamentos municipais organizados polo propio Concello como as actividades impulsadas polas diferentes entidades locais, permitindo configurar unha programación ampla, diversa e adaptada ás distintas idades, intereses e necesidades da veciñanza.
Nesta programación participan activamente numerosos colectivos do municipio. No ámbito deportivo, forman parte desta iniciativa o Oroso Clube Ciclista., a E.D. Xuventude de Oroso, o Club Hípico Amazonas de Cabaleiros, o Oroso Tenis de Mesa, o Oroso Futsal, o Club Patín de Oroso, o Hockey Oroso e os Leones Oroso de Béisbol. Ademais, no eido asociativo colabora a Asociación AFECTO, contribuíndo a enriquecer unha oferta que destaca pola súa variedade e capacidade de resposta ás necesidades das familias.
Deste xeito, Oroso contará este verán con campamentos deportivos, culturais, sociais, lúdicos e de conciliación, ofrecendo ás familias máis alternativas ca nunca para facilitar a organización durante o período non lectivo e, ao mesmo tempo, fomentar a participación dos nenos e nenas en actividades educativas, saudables e de convivencia.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, destacou que esta coordinación “permite poñer en valor o traballo das entidades do municipio e ofrecer ás familias unha programación moito máis completa, variada e útil”. Neste sentido, sinalou que “Oroso dá un paso adiante na conciliación, cunha oferta récord de campamentos e con centos de prazas para que os nenos e nenas poidan gozar do verán mentres as familias contan con máis facilidades para organizarse”.
Doval tamén subliñou que a variedade da oferta “é unha mostra da fortaleza do tecido asociativo, deportivo, social e cultural de Oroso”, ao tempo que agradeceu a implicación de todas as entidades participantes. “Cando o Concello e as asociacións traballan da man, quen gaña é a veciñanza. Este verán Oroso terá máis conciliación, máis actividades e máis oportunidades para as familias”, afirmou.
O Concello irá difundindo a información relativa aos diferentes campamentos, prazos de inscrición, idades, horarios e condicións de participación, co obxectivo de facilitar ás familias o acceso a toda a programación dispoñible.
Con esta iniciativa, o Concello de Oroso reafirma o seu compromiso coa conciliación familiar, coa colaboración co tecido asociativo local e coa posta en marcha de servizos que melloren a calidade de vida dos veciños.




