A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento no mitin de campaña de Pontevedra a concentrar o próximo 29N no BNG todo o voto galego para darlle máis forza a Galiza en Madrid e para gañar en dereitos e vida digna.
“Temos que concentrar no BNG o voto que ten a Galiza na cabeza e no corazón para darlle máis forza a este País, o voto das persoas que queren avanzar en dereitos e que reclaman unha vida digna”, proclamou xunto á cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, nun mitin no que tamén participaron o rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, e a candidata ao Senado, Marta Gómez.
Pontón incidiu en que “Galiza ten que ter máis peso político” en Madrid, porque isto implica ter máis capacidade de presión en favor dos galegos e das galegas, máis atención do Goberno central aos problemas do País ou máis investimentos e un mellor financiamento para infraestruturas e servizos.
Para conseguilo, fixo un chamamento á cidadanía para darlle a Galiza “máis forza” da man do BNG fronte a un bipartidismo que só se acorda dos galegos e das galegas cando hai unha campaña electoral.
Mais tamén reivindicou ao Bloque como garantía para avanzar en dereitos e liberdades e gañar unha vida digna para as maiorías sociais porque a organización nacionalista representa o espírito das grandes mobilizacións que percorreron o País na folga xeral.
Unhas mobilizacións, afondou, nas que “o País demostrou que é un pobo que loita polo seu futuro, sen resignación, sen medo e con esperanza, unha esperanza que apelou a non deixar nas rúas, senón a trasladar ás urnas o próximo 29 de novembro cun “apoio histórico” ao BNG.
Trátase, explicou, de que Galicia gañe peso político no Estado, de que a súa enerxía sirva para crear riqueza aquí e non para ser a colonia enerxética de Madrid, de defender o territorio, de reclamar un tren de cercanías, máis investimento e un trato digno ao País. “En definitiva, máis BNG para que Galiza se faga valer e respectar, ese é o noso compromiso e a nosa ambición”, sintetizou.
A líder nacionalista criticou un modelo económico cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos. Neste sentido, recordou que todas as nacións e territorios perderon peso relativo na riqueza do conxunto do Estado, todos, salvo un, Madrid.
“Non porque sexan máis listos nin teñan máis recursos que nós, senón porque este é o resultado dun deseño centralista, que se está reforzando a estremos nunca antes vistos, porque é funcional para que os grandes grupos económicos gañen cada vez máis”, indicou para chamar a continuación rachar con este deseño.
Pontón tamén advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou acadar, mentres se aumenta o gasto militar. Nesta liña, recordou que o gasto militar do Estado para 2025 ascendeu a máis de 35.000 millóns, mentres que nos seus orzamentos deste ano só incluíu 840 millóns para políticas de vivenda, o que revela cales son as prioridades actuais.
Por iso, chamou a cambiar esas prioridades unindo no BNG ás persoas que queren unha sociedade máis igualitaria e con dereitos e que queren darlle máis forza a Galiza, nun contexto electoral no que se vai pretender desesperadamente un bipartidismo sistémico.
Neste sentido, criticou o intento do PP de vender que a gran esperanza para Galiza é un goberno de Feijóo, ter un presidente galego na Moncloa. “Ou nos toman por parvos ou pensan que non temos memoria ou as dúas cousas”, afeou, para recordar a continuación que Galiza xa tivo un presidente galego do PP na Moncloa e o resultado foi o que foi para os galegos e as galegas.
Porque, incidiu, foi “o presidente galego Rajoy” quen vetou, non unha, senón dúas veces, a transferencia da AP-9 e o que impediu que mesmo se debatera no Congreso a lei aprobada polo Parlamento galego para ter unha AP-9 galega e libre de peaxes. Por certo, engadiu, coa colaboración necesaria “doutra ilustrísima galega do PP”, Ana Pastor, que usou o seu cargo como presidenta do Congreso en contra de Galiza.
A portavoz do BNG lembrou que tamén foi Rajoy “o dos recortes e a austeridade”, que afectaron a servizos públicos e investimentos esenciais, e o que prometeu que o AVE chegaría a Galiza en 2018, cando deixou a Moncloa sen cumprir a súa promesa.
E foi o presidente galego Rajoy quen, estando en funcións, autorizou a prórroga de Ence na ría de Pontevedra por outros 60 anos, permitindo prolongar a ocupación ilegal dese espazo público, engadiu.
“Isto é o que significa para Galiza ter na Moncloa a un presidente galego do Partido Popular: discriminación, recortes, incumprimentos e decisións en contra dos galegos e das galegas”, resumiu.
Por iso, criticou o intento agora de presentar a Feijóo como un marabilloso presidente galego, cando desde que marchou a Madrid “non se volveu a acordar de Galiza”. “Non queremos máis do mesmo, polo que para que Galiza gañe, para darlle máis forza en Madrid e para que sexa respectada, só hai unha alternativa: encher as urnas de votos ao BNG”, concluíu.
Gañar peso político en Madrid
Pola súa parte, Carme da Silva incidiu tamén na necesidade de converter as eleccións do 29 de novembro nunha oportunidade para que Galiza gañe peso político en Madrid e poida facer valer os seus intereses. “Temos que ateigar as urnas de papeletas por Galiza, de papeletas do BNG”, afirmou.
A cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra subliñou que, á hora de negociar nas Cortes é importante darlle máis forza ao BNG en Madrid para contar cunha representación capaz de levar á axenda estatal as preocupacións da maioría social galega e de obrigar a darlles resposta.
Un dos asuntos centrais da súa intervención foi a vivenda, que reivindicou como un dereito e non como “un privilexio de ricos”. Da Silva reclamou políticas valentes que rompan coa especulación, e cuestionou tanto a actuación da Xunta como a do Goberno do Estado.
Neste sentido, denunciou que o Executivo central está a utilizar os activos da Sareb en Pontevedra como un fondo especulativo, en lugar de destinar os terreos e solares dispoñibles a vivenda de aluguer social. “Por que non dedica os terreos do Teucro ou de Conde Bugallal a vivenda social? Por que non responde ás demandas do BNG e da Alcaldía para poñer a disposición todos os terreos e vivendas dispoñibles de Defensa?”, preguntou.
A candidata tamén reivindicou máis forza do BNG para impulsar as infraestruturas que Galiza e Pontevedra precisan. Nesta liña, defendeu a implantación do tren de proximidade e lembrou que foi o Bloque quen conseguiu introducir na Lei de Mobilidade a obriga de elaborar un estudo sobre a situación e as necesidades galegas, fronte ao intento do PP de eliminar do borrador todas as referencias a Galiza, incluso, riscando fisicamente o nome do país no propio documento.
Sobre a AP-9, reafirmou o compromiso de convertela nunha autoestrada “galega, pública e libre de peaxes”, e asegurou que o BNG non vai parar ata conseguir a súa gratuidade e acabar cunha estafa histórica. Da Silva insistiu por último en que Galiza necesita dar un salto no seu peso político e contar cunha representación que non se conforme con poñer os problemas galegos na axenda estatal, senón que teña capacidade para conseguir solucións e facer cumprir os compromisos adquiridos.


