O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo un chamamento a aproveitar a “oportunidade” que ofrecen as Eleccións Xerais do 29 de novembro e converter o “enfado” con Pedro Sánchez e o seu Executivo, en votos a Alberto Núñez Feijóo, e así ter un Goberno en España que “respecte” a Galicia, rematando con oito anos de “decadencia”.
Así o dixo no mitin celebrado este venres no Teatro Principal da Estrada, no que exerceu de anfitrión o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e que tamén contou coa participación do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida. Estiveron presentes o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a secretaria provincial do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro. O alcalde de Madrid percorreu hoxe Galicia, a que el define como a súa segunda casa, acudindo previamente a actos na Coruña, Ordes e Santiago e pechando no concello pontevedrés, onde o alcalde, Gonzalo Louzao, agradeceu que a súa localidade fora a escollida para albergar este primeiro mitin de campaña coa presencia do presidente Rueda e Martínez-Almeida do 29N na nosa Comunidade.
Na súa intervención, Rueda afirmou que é “normal” que a cidadanía estea enfadada e decepcionada polos incumprimentos do Goberno con Galicia, os privilexios aos socios de Sánchez, os casos de corrupción, as mentiras, o uso das institucións en beneficio propio, a inflación e as subidas de impostos. Pero, o mesmo tempo, insistiu en apelar á “esperanza” que representa o “cambio” da man de Feijóo, que ten proxecto e está preparado para recuperar a seriedade, a xestión e a palabra. Para mudar o “sensentido” polo “sentidiño”.
O presidente do PPdeG lembrou que abundan os motivos para impulsar nas urnas un cambio, porque tanto Galicia como España en xeral precisan dun Goberno que cumpra co financiamento, a vivenda e a sanidade; que “mire por todos” e que rexenere as institucións. Neste sentido, enxalzou Galicia -estable, con orzamentos, con xestión, onde se constrúe vivenda e se atraen investimentos, sen pagar peaxes ao independentismo- como espello no que pode mirarse España.
Por iso pediu “dalo todo” e traballar sen descanso na campaña, para que Galicia sexa o “motor” do cambio, sabendo que o “único” voto que pode facelo posible é o do PP, e lembrando que non hai nada “gañado”, polo que hai que aproveitar “cada minuto” das vindeiras dúas semanas.
GARCÍA COMESAÑA: “SÁNCHEZ APLICOU UNHA POLÍTICA SECTARIA”
Pola súa banda, o cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, lamentou estes máis de oito anos de abandono da provincia de Pontevedra por parte do Goberno de Sánchez, ao que acusou de “aplicar unha política sectaria de maltrato, discriminación e castigo” con este territorio malia impoñer unha presión fiscal asfixiante “que afoga o día a día dos cidadáns de Pontevedra”.
Así, indicou que nesta provincia “hai a sensación de que se lle entrega ao Goberno moito máis do que se recibe” e exemplificou esta circunstancia co caso da N-640 ao seu paso pola Estrada, “que se atopa nunhas condicións indignas e moi perigosas para a seguridade viaria”.
Finalmente, anunciou que o futuro Goberno de Feijóo aplicará unha fiscalidade moito máis xusta e benigna para os cidadáns, con rebaixas xeneralizadas que se notarán especialmente nas familias con fillos e os autónomos, e garantiu que as pensións se subirán todos os anos en base ao IPC, “o que desmonta a desesperada política do medo” que está tentando transmitir o PSOE aos nosos maiores.



