PUBLICIDADE

PONTE… NAS ONDAS! contará nunha nova xornada radiovisual con preto de 100 centros educativos de concellos de Galicia e Portugal

A xornada terá lugar este venres 24 de abril

A xornada PONTE… NAS ONDAS! comezará ás 10.00h. da mañá (9.00 h.en Portugal) o 24 de abril e os centros educativos desprazaranse a cada un dos espazos asignados nas diferentes grellas de programación de cada lugar. 

A organización conta coa colaboración de diferentes institucións como a Xunta de Galicia, Deputacións,  Concellos, Universidades e Centros de Formación de Profesores de Galicia e de Portugal que colaboran con  Ponte…nas ondas! para  que se visibilice o “modelo” que a UNESCO incluiu no Rexistro das Boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI) en 2022 a proposta de Portugal e España.

Ademais, este ano, o modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas  co Patrimonio Cultural Inmaterial está sendo o exemplo escollido pola UNESCO para a futura plataforma das boas prácticas co PCI que será presentada no mes de decembro en Xiamén (China).

PUBLICIDADE

PATRIMONIO, EDUCACIÓN, TICs E COMUNICACIÓN

A programación do “radiovisual” contempla unha grande variedade de formatos e de guións radiovisuais que os diferentes centros preparan para a súa realización en directo: entrevistas, actuacións, performances, magacines, intervencións literarias, teatro, danza…

A participación de persoas e comunidades portadoras do patrimonio vai ser outra das principais intervencións na programación, transmitindo os seus saberes e facendo demonstracións in situ.

Desde a  Costa da Morte chegarán as regueifas e toda a marea da cultura marítima xunto coa recuperación du antigo curtidoiro de peles, en Santiago de Compostela a Facultade de Comunicación encherá os estudios de radio con alumnado de 9 centros educativos da cidade e arredores,  en Lugo estarán animando o radiovisual Iria Estévez cos seus camiños do fado e Branca Villares co grupo Troupelear, en Ourense a tecedeira Concha Outeiriño transmitirá os seus saberes e Lito achegará a práctica dos xogos tradicionais, en Allariz será presentado o Cancioneiro galego-portugués,  en Pontevedra o alumnado de Marín realizará un maio durante a programación, en Vigo asistiremos á representación dunha peza teatral recuperada en Salceda de Caselas, en Valença do Minho encontraranse escolas das dúas marxes do Minho para falar das pesqueiras, do contrabando ou do ciclo do linho e asistirán á inauguración os alcaldes da Eurocidade Tui-Valença e, en Viana do Castelo asistiremos no Museu de Artes Decorativas á unha demostración dos bordados de Viana ou á exhibición de pezas téxtiles do Museu do Traje.

A RADIO DE BEGOÑA

Ademais, as escolas renderán homenaxe á autora das letras galegas, Begoña Caamaño, xornalista radiofónica que inspira ao alumnado participante na experiencia de Ponte…nas ondas!

A educación, o patrimonio, a comunicación e as tecnoloxias son os núcleos do “modelo Ponte…nas ondas!” que foi inscrito no Rexistro das boas prácticas da UNESCO a proposta de Portugal e España en 2022, a primeira inscrición para Portugal e para  Galicia.

ESPAZOS DO RADIOVISUAL

  • Auditorio de Caión (A Laracha)
  • Auditorio de Vimianzo
  • Facultade de Ciencias da Comunicación (Santiago de Compostela)
  • Auditorio do Vello Cárcere (Lugo)
  • Auditorio Marie Curie (Ourense)
  • Radio Municipal de Allariz
  • Auditorio Miralles (Universidade de Vigo)
  • Auditorio IES Luis Seoane (Pontevedra)
  • Auditorio A.E. Muralhas do Minho (Valença do Minho)
  • Auditorio Museu Artes Decorativas (Viana do Castelo)

Resumo da edición do pasado ano:

Presentación en Nova Delhi do piloto da futura plataforma da UNESCO:

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.