PUBLICIDADE

Ribadavia rehabilitará a estrada da Veiga en agosto

A Deputación de Ourense financia integramente con case 226.000 euros a rehabilitación desta estrada de Ribadavia.A Deputación de Ourense financia integramente con case 226.000 euros a rehabilitación desta estrada de Ribadavia.

O Concello de Ribadavia adxudicou o contrato de execución da rehabilitación da estrada da Veiga, en San Cristovo de Regodeigón. A intervención comezará ao longo do mes de agosto e supón un importante avance para mellorar a seguridade e accesibilidade neste núcleo rural, que conta con máis de 200 habitantes.

A actuación, cun orzamento de licitación de 225.638,84 euros, está financiada integramente pola Deputación de Ourense a través do Plan CooperOU. Terá un prazo de execución de tres meses, pero a previsión é que se remate en menos de un, no mesmo mes de agosto.

O proxecto contempla a renovación integral do firme, actualmente moi deteriorado, mediante unha base de grava e varias capas de aglomerado en quente. Así mesmo, instalarase un novo sistema de drenaxe con canalizacións e pozos de rexistro para facilitar a evacuación da auga pluvial. Todo isto permitirá incrementar a seguridade viaria, tanto para condutores como para peóns.

PUBLICIDADE

Trátase dunha obra moi demandada pola veciñanza, xa que esta estrada secundaria rexistra un alto volume de circulación diaria. A vía conecta San Cristovo, en Ribadavia, coa Veiga, en Carballeda de Avia. Forma parte do traxecto que une Regadas, en Beade, coa capital do Ribeiro, ademais de dar acceso a zonas de viñedo.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “con esta adxudicación cumprimos o compromiso adquirido coa veciñanza de San Cristovo e melloraremos a mobilidade entre varios concellos e núcleos do Ribeiro”.

O rexedor engadiu que “continuamos avanzando no noso plan de mellora das infraestruturas municipais, reforzando a seguridade viaria e facilitando o acceso ás zonas rurais”. Ademais, asegurou que este tipo de actuacións son esenciais para combater o despoboamento e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Con esta nova intervención, Ribadavia dá un paso máis no seu obxectivo de mellorar a rede viaria municipal e garantir uns servizos públicos e infraestruturas de calidade tamén nas parroquias.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.