O Concello de San Sadurniño celebrou un pleno extraordinario para expor, debater e votar a proposta da Alcaldía sobre a distribución do primeiro Plan adicional de 2026. O POS Social da Deputación da Coruña suporá para San Sadurniño unha achega próxima aos 67.000 euros. Esta adicarase ao SAF, a Servizos Sociais e á prevención da soidade non desexada. A sesión, que non chegou aos catro minutos, rematou nunha votación co apoio unánime dos tres grupos.
A contía exacta que lle correspondeu a San Sadurniño neste primeiro plan provincial do ano foron 66.920,97 euros. Segundo a portavoz do grupo de Goberno, Mari Carme Muíño Filgueira, o programa provincial “anticipa esta contía para que sexa o propio Concello quen propoña como distribuíla, de acordo coas súas necesidades”.
As bases do POS+ Adicional 01/2026 dan a posibilidade de dedicar os cartos a gastos de investimento ou a gastos correntes. San Sadurniño dedicará a cantidade asignada a gasto corrente, dentro de tres das epígrafes previstas na convocatoria.
En primeiro lugar, o Concello reforzará os Servizos Sociais cun segundo traballador ou traballadora social. En segundo lugar, financiarase a cobertura de vacacións, baixas ou permisos das auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar.
Por último, a proposta de reparto do POS Social tamén se dedicará a outras medidas sociais de carácter extraordinario. Máis en concreto, ao desenvolvemento do programa “Xuntanzas na Eira” de envellecemento activo e prevención da soidade non desexada. As actividades estarán coordinadas pola empresa Espazo Vivo e comezarán esta semana.
Os tres grupos municipais estiveron de acordo na proposta de distribución dos fondos provinciais. PP e PSOE interviron para anunciar o seu voto favorable, coincidindo en que o programa provincial contribúe “a mellorar a vida dos nosos maiores”.




