PUBLICIDADE

A Policía Local do Carballiño realizou 3.600 intervencións en 2025

PorBisbarra

Martes, 13 Xaneiro 2026 ,
As incidencias relacionadas co tráfico supoñen o 17% das intervencións da Policía Local do Carballiño.As incidencias relacionadas co tráfico supoñen o 17% das intervencións da Policía Local do Carballiño.

A Policía Local do Carballiño pechou o 2025 con 3.600 intervencións realizadas no ano. As incidencias relacionadas co tráfico son a causa máis común da mobilización dos axentes. Cun total de 626 intervencións, supón o 17% do total. En segundo lugar atópanse as asistencias a cidadáns por diversos motivos, cun total de 502, o 14%.

Porén, a Xefatura da Policía sinala o incremento dos avisos relacionados coa seguridade cidadá. Entre estes destacan furtos, roubos, conflitos privados, violencia de xénero, identificación de sospeitosos, lesións, pelexas ou colaboracións coa Guardia Civil. Ao longo do 2025, rexistráronse 397 avisos deste tipo no Carballiño, é dicir, un 11% do total. En materia de violencia de xénero, no 2025 rexistráronse 16 alertas, un 15% máis que durante o 2023.

As actuacións da Policía Local durante o pasado ano saldáronse con seis persoas detidas e oito acusados de diversos delitos, instruíndo por tanto dilixencias xudiciais. Alberto Otero, concelleiro de Persoal, Seguridade e Emerxencias, pon en valor o esforzo e traballo realizado polos axentes, “que dan cobertura e atenden con eficacia ás necesidades da poboación”.

PUBLICIDADE

Como é habitual, a fin de semana grande da Festa do Pulpo foi a de maior actividade de todo o ano, con máis de medio centenar de avisos atendidos. Ás alertas é necesario engadir as tarefas de vixilancia propias do operativo, o que supón un esforzo extra para os axentes da Xefatura.

Para este 2026, a Policía Local afronta un novo reto ante o incremento de uso no Carballiño de vehículos persoais lixeiros, como patinetes eléctricos. A xefatura lanzou en decembro unha campaña de concienciación e información á poboación sobre a nova lexislación estatal que regula o seu uso na vía pública. Nestas primeiras semanas do ano, os axentes incrementarán os controis sobre este tipo de vehículos para reforzar a seguridade viaria e garantir a correcta convivencia cos peóns e cos vehículos a motor.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.