PUBLICIDADE

O Concello de Ribadavia publica as bases para participar no desfile de comparsas do Entroido

Actuación dunha das comparsas participantes no Entroido 2025 de Ribadavia no palco da Praza Maior, na que remata o desfile polas rúas da vilaActuación dunha das comparsas participantes no Entroido 2025 de Ribadavia no palco da Praza Maior, na que remata o desfile polas rúas da vila

O Concello de Ribadavia vén de publicar as bases de participación no desfile de comparsas do Entroido 2026, que terá lugar o domingo 15 de febreiro. As comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 10 persoas, sen límite máximo de participantes. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 10 de febreiro e realizarase a través do correo electrónico culturaribadavia@gmail.com.

Na solicitude deberán constar os datos da persoa responsable do grupo, un teléfono de contacto, o nome da comparsa, o número de compoñentes e a conta bancaria. Asemade, será necesario indicar se a comparsa participará con carroza e se ten previsto subir ao palco instalado na Praza Maior para cantar ou ler coplas. O desfile comezará ás 17:00 horas, co punto de encontro fixado no IES O Ribeiro, e rematará na Praza Maior.

O Concello de Ribadavia establece unha axuda de 200 euros por comparsa, á que se poderá engadir unha contía de 150 euros no caso de presentar carroza e 100 euros máis por actuación no palco. Ademais, as comparsas recibirán unha subvención de 5 euros por cada participante no desfile, sempre ata esgotar o orzamento dispoñible.

PUBLICIDADE

Desde a organización destácase a importancia da participación das comparsas para manter viva unha das tradicións máis emblemáticas do Entroido de Ribadavia, e agradécese un ano máis o esforzo dos grupos que contribúen a consolidar esta celebración. Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello de Ribadavia no teléfono 988 477 100 ou a través do correo electrónico culturaribadavia@gmail.com.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.