Unanimidade do Pleno de Frades á hora de solicitar unha subvención nominativa de 189.391 euros á Deputación da Coruña para o cambio do céspede do campo de fútbol municipal do Vedral, na parroquia de Abellá. Un proxecto orzamentado en 236.769 euros e dos que se solicita o 80% á institución provincial, mentres que o Concello de Frades farase cargo do 20% restante.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “o céspede actual do campo municipal do Vedral colocouse en 2009, polo que estamos falando de 17 anos no que o uso destas instalacións foi medrando e agora faise preciso cambiar o céspede”. Un incremento do uso debido en gran medida ao crecemento da SE Abellá SDC, tanto no número de equipos como de participantes nas escolas deportivas. Razóns que compartiron os voceiros de PSOE e BNG.
Rey Martínez agarda que a Deputación colabore co Concello de Frades nesta importante actuación “tal e como vemos que fai con outros concellos da contorna, que están recibindo cartos para novas sendas e infraestruturas cando nós aínda estamos á espera de que comecen as obras da senda peonil entre Aiazo e Ponte Carreira, cuxo proxecto foi aprobado en marzo e seguimos agardando que saia a licitación”.
Accesos a San Martiño
No resto da sesión plenaria ordinaria de novembro aprobouse, tamén por unanimidade, destinar os 93.933 euros correspondentes co Plan POS Adicional 4 a mellorar os accesos á localidade de San Martiño, parroquia de Frades. A unanimidade tamén se mantivo á hora de aprobar sendas declaracións institucionais achegadas por outras entidades: a FEGAMP, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero e ASDECOMOR, sobre o mantemento dos fondos do programa LEADER.




