TERRAS pon en marcha este vindeiro luns, 5 de outubro, o proceso de participación social “Minería así si”, unha iniciativa de escoita independente orientada a recoller, priorizar e ordenar as necesidades da veciñanza na área de influencia do proxecto de Touro–O Pino.
O seu obxectivo é dar forma con metodoloxía, trazabilidade e transparencia aos programas do Plan TERRAS, o marco de contribución social, económica e territorial presentado recentemente. A responsable da Oficina de Relacións coa Veciñanza de Cobre San Rafael, Dania Pensado, subliñou que “un proxecto industrial deste alcance debe explicarse e coñecerse de primeira man, pero tamén debe escoitar e incorporar a voz do territorio”. Pensado destacou que o obxectivo do proceso é garantir que “ninguén fale pola cidadanía” e que as decisións sobre as prioridades de investimento social se adopten “con transparencia, criterios obxectivos e rendición de contas”.
Un proceso independente, con metodoloxía e devolución pública
A participación social estará xestionada por unha empresa independente especializada en estudos sociais e desenvolverase ao longo de oito semanas de traballo de campo, co propósito de recoller, analizar e divulgar a opinión da cidadanía. Unha vez finalizada a fase de escoita, a información recompilada será procesada e sintetizada nun informe final de resultados, cuxas conclusións se farán públicas e constituirán a base para definir e priorizar actuacións do Plan TERRAS. O proceso estrutúrase en tres fases: 1. Fase informativa (“A xente vai falar”): difusión do programa, explicación das canles de participación e das ferramentas dispoñibles. 2. Fase de escoita (“A xente fala”): recollida de opinións e propostas mediante ferramentas cuantitativas e cualitativas. 3. Fase de devolución (“A xente falou”): elaboración e publicación do informe final, con prioridades e aprendizaxes, para orientar o deseño dos programas.
O Plan TERRAS nace para que unha parte do valor xerado pola actividade se traduza en oportunidades e melloras concretas no territorio. TERRAS responde aos principios de Transparencia, Ética e Responsabilidade Real Ambiental e Social e foi concibido como un instrumento estruturado, medible e sostible a longo prazo, orientado a necesidades reais da contorna. TERRAS estrutúrase en catro grandes liñas de actuación: Terras do Futuro (formación, emprego, emprendemento e innovación, incluíndo iniciativas vinculadas ao Camiño de Santiago), Terras de Vida (apoio a familias, infancia, persoas maiores e dependentes), Terras do Ulla (coñecemento, conservación e mellora da auga e do sistema Ulla–Ría, en colaboración con organismos e centros de coñecemento) e Terras da Xente (apoio a iniciativas sociais, educativas, culturais e deportivas do territorio mediante patrocinios e colaboracións).
A finalidade do proceso de participación é que sexa a poboación quen axude a definir “que é o máis necesario e urxente” e como deben priorizarse as liñas de actuación. O resultado desta escoita cidadá permitirá centrar os esforzos onde o territorio identifique maior impacto social e económico, reforzando a lexitimidade do plan e a trazabilidade das decisións.




