PUBLICIDADE

Verea asegura que o PP traballa para “conseguir o goberno da cidade en 2027 e levar Santiago ao futuro que merece”

PorBisbarra

Luns, 16 Xuño 2025
Borja Verea, portavoz do PP en Santiago de Compostela

O líder do Partido Popular, Borja Verea, que, xunto a secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, acudiron ata a sede local para dar o seu voto a Alberto Núñez Feijoo, co fin de que renove o seu cargo como presidente do Partido Popular, asegurou hoxe en que o PP de Santiago está a traballar “para consolidar esa forza de cambio que naceu en 2023 e que hoxe é un clamor na cidade” e, polo tanto, engadiu “imos a seguir traballando para conseguir o goberno da cidade en 2027”.

O popular subliñou que “hai un clamor na cidade, unha necesidade dun cambio real. O tripartito BNG, PSOE, CA son hoxe un freo para o progreso de Compostela e nós imos seguir coa nosa folla de ruta para que no 2027 logremos esa gran maioría e consolidar un futuro goberno de progreso para todos os santiagueses”.

“As urxencias -explicou- seguen sendo as mesmas, fagamos esta pregunta hai 2, 3, 5 ou 10 anos, aí está o contrato de autobuses do que seguimos sen saber absolutamente nada, simplemente borrón e conta nova, con 10 anos de retraso, unha auténtica tomadura de pelo para todos os santiagueses”.

PUBLICIDADE

Ademais o líder popular tamén lembrou que “nada se sabe do contrato da auga e, despois, está a realidade do que ven os veciños cando saen da súa casa, unha cidade completamente desmantelada”.

Así mesmo, Verea remarcou que “hoxe é o momento da decencia, é o momento do sentido común, da gobernabilidade e, por iso, mostramos o noso apoio a Alberto Núñez Feijoo, non para que continúe só como presidente do partido, senón como próximo presidente do Goberno”.

Verea insistiu en que “traballamos para o futuro de todos os santiagueses, por iso hoxe é un día importante, porque reafirmamos ese compromiso de rexeración, votando, apoiando e mantendo o noso compromiso con Alberto Núñez Feijoo”.

“Levo moito tempo dicindo -remarcou o popular- que o partido socialista e o BNG son o mesmo e son o mesmo porque se necesitan sempre e o mellor exemplo é Santiago de Compostela, onde o BNG tivo un ridículo resultado de 6 concelleiros de 25 e está gobernando a nosa cidade co apoio do partido socialista de Pedro Sánchez”.

“TRABALLAMOS PARA CONSEGUIR UN SANTIAGO MELLOR” DI O GOBERNO LOCAL

“Se isto todo que acabo de vos ensinar aconteceu en dous anos, imaxinade o que pode pasar dentro de dous anos máis cando cheguemos a 2027”, apelou Goretti Sanmartín, tras exhibir de un en un os avances en distintas materias. Desde o “desbloqueo da operación Peleteiro’ ata a colocación dunha placa en lembranza da prisión franquista en Galeras pasando por: taxa turística, regulación de pisos turísticos, servizo de asesoramento LGBTIQ+, obras como a do Pombal ou intervencións de accesibilidade, aparcadoiro do CHUS, Alba de Compostela, o inicio do contrato de transporte de autobuses, cumprimento co rural, consellos de participación, parques infantís, nodo loxístico, capitalidade, vivenda, as mellores festas, intermodal Daniel Castelao, servizo de comedor nas escolas unitarias, máis taxis, incremento do orzamento para o SAF ou o fito dos 100.000 habitantes, entre outras cuestións. 

Goretti Sanmartín defendeu “que os datos obxectivos se impoñen” fronte aos que preconizaban ou falan de caos, aínda que tamén sinalou que “fica moito que facer”. “O Pazo de Raxoi xa non será o mesmo cando remate a obra que nestes momentos está en marcha, que fará este edificio máis accesible para a veciñanza e que permitirá, ao mesmo tempo, coñecer a súa historia. E este Concello tampouco será igual en 2027”, afirmou a rexedora compostelá, quen reafirmou que o da capital galega é un goberno “solvente” e que se move “polas coordenadas que sinala o interese público”.

Durante a súa intervención, incidiu que este goberno está tomando decisións “estruturais e, por tanto, a medio e longo prazo, mais cuxos resultados xa comezan a verse”. A modo de exemplo, anunciou que esta semana se dará a coñecer a modificación puntual da regulación de usos do ‘Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica’. Entre outras novidades, avanzou que non permitirá a implantación de novos establecementos de tendas de recordos convencionais ou souvenirs en practicamente toda a cidade histórica e que limitará no recinto intramuros os negocios automatizados (como consignas ou máquinas expendedoras).

“Compostela non será o mesmo en 2027 nin será o mesmo en 2031, porque temos un proxecto que realizaremos ao longo de máis dun mandato.  A obra está comezada mais non acabada e temos vontade, compromiso e forza para seguir adiante coa transformación de Compostela e para deseñar o seu futuro para os próximos dez anos”, sentenciou Goretti Sanmartín. 

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.