O Concello de Ferrol adquirirá a parcela onde se construirá o centro de saúde de San Xoán. Esta actuación inclúese no convenio para a rexeneración dos barrios firmado coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. “Damos outro paso máis para seguir cumprindo os compromisos recollidos neste convenio”, afirmou o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
Así, conseguirase desconxestionar o ambulatorio Fontenla Maristany. Nesta liña, achegarase os servizos sanitarios á veciñanza de San Xoán, San Pablo e Santa Icía, evitando que teñan que desprazarse ata a praza de España.
A finca ten unha clasificación de solo urbano consolidado e conta cunha superficie bruta de 1.151 metros cadrados. O concello abonará á propietaria de parcela, a entidade Divarian Propiedad SA, o importe de 387.200 euros. “Con este centro de saúde, que construirá o Sergas, solucionaranse os problemas de insuficiencia das instalacións sanitarias en San Xoán”, garantiu o rexedor.
A distribución prevista do solo e a súa edificación é a seguinte: a superficie edificable total é moi superior aos 600 metros cadrados por cada planta para un aproveitamento en B+3 e sobre os 300 metros cadrados no aproveitamento baixo cuberta. Ademais, aínda que a superficie total dispoñible non se prevé construír na súa totalidade, asegúrase o desenvolvemento dun edificio funcional, que se axuste ás necesidades do proxecto para o uso sanitario.
A contorna desta parcela é estratéxica pola súa situación central e proximidade a servizos esenciais, con acceso próximo a un aparcamento disuasorio e ao futuro desenvolvemento urbanístico, que incluirá un campo de fútbol e un local social. Ten un doado acceso dende a estrada de San Pedro e a rúa Souto.
RADIOGRAFÍA DE SAN XÓAN
O barrio de San Xoán é un dos máis extensos da cidade, onde se concentra unha parte importante da poboación. Ten dúas zonas ben diferenciadas urbanisticamente. A primeira, con edificacións en altura de mazás propias dun ensanche desenvolvido entre os anos 60 e 90, onde o uso principal é residencial de media densidade. Na outra zona, ao norte da autoestrada de acceso á cidade, consérvanse vivendas unifamiliares e hortas, cunha densidade menor. Ambas zonas presentan poucas dotacións e escasos espazos públicos.
Para poder darlle impulso ao barrio, tívose en conta a incorporación de novas infraestruturas sociais, deportivas e sanitarias en solo estratéxico para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Así, á dotación do equipamento sanitario súmase a creación dun centro social e dun campo de fútbol, proxectos tamén incluídos neste convenio coa consellería. Estes terreos suman unha superficie de máis de 10.400 metros cadrados e foron adquiridos o pasado mes de maio por 444.400 euros.



