O Concello de Ferrol aprobou a licitación do contrato de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria. Trátase do contrato de servizos máis importante en canto a contía se refire. Terá unha duración de 10 anos e un importe de 118 millóns de euros. A intención do Goberno local é que poida entrar en vigor no 2026.
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, amosou a súa satisfacción pola licitación tras dez anos da prestación do servizo sen contrato. Neste sentido, afirmou que o servizo dará “un salto cualitativo para que Ferrol sexa unha cidade máis limpa e mellor coidada”. Asemade, o rexedor agradeceu o traballo realizado ao concelleiro José Tomé e aos traballadores do servizo que “confiaron neste Goberno para facer realidade este novo servizo, tras anos de promesas incumpridas”.
SERVIZOS DO CONTRATO
O contrato a licitar abarca dous servizos. En primeiro lugar, o lote 1, de recollida de residuos xerados e traslado ata o punto de transferencia, centro de tratamento e/o xestor autorizado que corresponda. A este súmase o servizo de limpeza de vías e espazos públicos, incluíndo envases lixeiros, papel-cartón, vidro, biorresiduo, pilas, aceites vexetais, voluminosos e animais mortos; punto limpo móbil, varrido manual e baleirado de papeleiras, baldeo mixto de beirarrúas e calzadas, servizos de atención a praias, limpeza de mobiliario urbano, sumidoiros e traballos de roza no rural e no urbano.
No tocante ao lote 2, de recollida de téxtil, suporá un custe cero para o Concello de Ferrol.
PLAN DE IMPLANTACIÓN
Presentarase un plan detallado de implantación dos servizos a prestar, tendo en conta a redistribución do persoal subrogado e a nova maquinaria. O servizo de recollida de residuos tamén operará en ocasións especiais, como festas patronais, mercados ou outros a solicitude do Concello de Ferrol. Cando a acumulación de residuos resulte superior á media habitual, programaranse servizos excepcionais de reforzo.
O servizo de limpeza dividirase en días laborais e festivos. Así mesmo, cada día diferenciará quendas de mañá, tarde e noite. Se cadran dous ou máis días festivos consecutivos, deberase prever a programación do servizo como día laborable para a segunda xornada.
O contrato recolle, así mesmo, a montaxe das instalacións (casetas, aseos, bandeiras…) vinculadas ás praias, previas ao comezo da tempada alta, e a súa posterior retirada ao finalizar.
SERVIZO DE ROZAS
O contrato a licitar tamén inclúe o servizo de rozadura. Así, a adxudicataria realizará labores de sega e roza de maleza que afecte ás marxes das vías da cidade, así como a limpeza de maleza existentes en diversos terreos de uso público. Realizará todas aquelas operacións que sexan necesarias para o despexe, roza e limpeza de marxes, cunetas e plataformas no municipio, facendo fincapé nos traballos de roza en bordos e marxes de vías, que se realiza nas zonas urbana e periurbana.
Están previstos catro equipos de roza mecánica e cinco brigadas multiusos, formadas por un condutor e dous peóns cada unha, operativa de luns a venres durante todo o ano. Ademais, dúas das brigadas estarán operativas os domingos e festivos. A finalidade destas brigadas é atender todo tipo de traballos non programados como a limpeza de pintadas, retirada de carteis, atención de incidencias, reforzo doutros labores de limpeza viaria, roza manual…
RECURSOS HUMANOS E MATERIAIS
O adxudicatario deberá subrogar a todos os traballadores que dispoñan do dereito legal de subrogación, coas súas condicións laborais vixentes ao momento de iniciar o novo contrato. Na actualidade o número de traballadores ascende a 134.
En canto aos recursos materiais, todos os vehículos e maquinaria do lote 1, excepto os achegados polo Concello, deben ser de nova adquisición e utilizarán tecnoloxías probadas, contrastadas e fiables. As furgonetas e os sopradores deberán ser eléctricos. Todos os vehículos lixeiros tipo turismo ou furgoneta adscritos ao lote 1 deberán dispoñer da etiqueta 0 emisións da DXT.
Ademais, implantaranse contedores ergonómicos, con sistemas de acceso que faciliten a súa apertura e disposición de residuos para a poboación. En canto aos contedores soterrados, inhabilitaranse as actuais illas de soterrados debido á súa heteroxeneidade e a complexidade da súa limpeza e mantemento.
Como novidade, implantarase un sistema electrónico de identificación automática de contedores mediante trasponders ou etiquetas de identificación por radiofrecuencia para controlar o seu estado e uso.
En relación á limpeza viaria, minimizarase, na medida do posible, as molestias ocasionadas aos veciños, na realización das tarefas de varrido, baldeo, fregado de beirarrúas… Con respecto á limpeza de praias, garantirase a aparencia dos areais todo o ano, xa que son activos turísticos.
Está prevista a instalación de novas papeleiras nun prazo de oito meses. Así, instalaranse 450 novas papeleiras e outras 99 papeleiras especiais para o barrio da Magdalena, xunto coa subministración de 53 contedores metálicos específicos para o lote 2, da recollida selectiva de residuos téxtiles.
SERVIZO RURAL E URBANO
Para os efectos da prestación do servizo, o municipio divídese en zona urbana e rural. A zona urbana está estruturada en once distritos e integra unha parte do polígono industrial e comercial da Gándara. En canto á zona rural, está conformada por once parroquias e o distrito urbano de San Felipe.
A frecuencia de recollida no ámbito urbano será de seis veces á semana en horario nocturno. No ámbito rural, a frecuencia de recollida será de tres veces á semana en horario diúrno. No tocante á frecuencia de servizo de recollida de voluminosos, será de seis veces á semana.




