O cartel da 41ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, edición que contará con moitas novidades e aposta polo teatro contemporáneo, está inspirado na pedra, na vexetación silvestre e na resistencia teatral
A 41ª Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, do 18 ao 26 de xullo, deu onte o seu primeiro paso coa presentación do cartel anunciador desta nova edición. A Praza Buján da vila ribadaviense acolleu o acto dunha mostra que aposta por abrir novos camiños para o teatro contemporáneo, segundo indicaron a directora da MIT, Sabela Mendoza, e a súa adxunta, Gena Baamonde.
A nova imaxe da Mostra Internacional de Teatro inspírase nalgúns elementos propios da esencia do festival e do seu contexto, Ribadavia: a pedra granítica e a vexetación silvestre únense a personaxes e figuras que recordan unha montaxe teatral. Así, a estética minimalista dos elementos gráficos centrais contrasta co dinamismo das personaxes de fondo e da composición tipográfica.
Unha combinación orixinal, reforzada pola escolla de cores vivas, que conceptualmente se inspira nas ideas de resistencia e esforzo que sosteñen o oficio teatral. A creadora galega Montse Piñeiro (ilustradora, ceramista e deseñadora, vinculada tamén ás artes escénicas) foi a encargada do deseño desta imaxe, que desenvolveu en diálogo coa nova dirección artística, un relevo que pasa por primeira vez ás mas dun equipo feminino.
Durante a presentanción, tamén avanzaron algunhos dos nomes e traballos que pasarán esta edición pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Así, os asistentes poderán gozar de varios espectáculos de compañías galegas que contaron co apoio á produción da MIT: Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, Non Pasarán, de Ártika Cía e Profetas de Ítaca Teatro. Unhas pezas que se representarán os días 23, 24 e 25 de xullo, respectivamente.
Ademais, como novidade, este ano súmase o apoio a unha produción estatal, a obra Tierras raras de Luz Arcas / La Phármaco, en coprodución con Mercat de les Flors de Barcelona e Ma-scène national Pays de Montbéliard (Francia) e coa complicidade de Teatro Central de Sevilla e MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Estreada recentemente en Madrid, a obra terá a súa estrea galega na MIT o 25 de xullo no Auditorio do Castelo.
O Premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional cumpre 20 anos
Esta edición da Mostra Internacional tamén celebrará os 20 anos do Premio Abrente de Textos Teatrais, e para o que a organización ten previsto un evento especial na tarde do 24 de xullo, coordinado pola actriz e comunicadora cultural Rosa Puga, que consistirá nunha lectura colectiva de fragmentos seleccionados dos textos premiados nestes anos, coa participación de convidadas e convidados especiais, e o anuncio final do Premio deste ano.
A programación completa da MIT 2025 de Ribadavia, que este ano inclúe un total 23 representacións escénicas e outras actividades paralelas, será presentada o próximo 26 de xuño. Porén, a falta de coñecer aínda todo o que a MIT ten preparado, o alcalde, César Fernández, asegurou durante a presentación da imaxe “estar seguro de que nos vai gustar. Sei que o público estará encantado e que Ribadavia volverá a ser, unha vez máis e coma sempre, a capital galega do teatro”.





