PUBLICIDADE

Os debuxos de Santos San Cristóbal chegan a San Sadurniño da man da Imprenta Paramés

Algúns dos debuxos da mostra de Santos San Cristobal en San Sadurniño e que no seu día editou a Imprenta Paramés como postaisAlgúns dos debuxos da mostra de Santos San Cristobal en San Sadurniño e que no seu día editou a Imprenta Paramés como postais (Fotos: César Galdo)

A exposición itinerante dos debuxos de Santos San Cristóbal, feitos con pluma entre os anos 1973 e 1992 poderá visitarse na Galería da Casa do Concello de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas

Os debuxos orixinais do artista Santos San Cristóbal poderán visitarse durante o que resta do mes de xuño na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño. Trátase dunha mostra singular que conecta arte, memoria e tradición. Uns traballos do artista recollidos posteriormente en postais que foron editadas pola Imprenta Paramés.

A iniciativa, impulsada por Pilar Paramés, terceira xeración do histórico taller ferrolán, recupera ilustracións que retratan a identidade de Ferrolterra con gran detalle e sensibilidade. A exposición forma parte dun proxecto máis amplo que quere devolverlle vida ao costume de enviar postais escritas á man.

Os debuxos de Santos San Cristóbal foron feitos con pluma entre os anos 1973 e 1992. Un segoviano de orixe pero profundamente vencellado a Galicia. Un proxecto que o artista levou a cabo en colaboración con Emilio Paramés, pai da actual depositaria deste magnífico legado gráfico, e impulsora da exposición.

PUBLICIDADE

Os debuxos de Santos San Cristóbal plasman distintos espazos de Ferrol, como as vilas da Graña ou San Felipe, pero tamén navíos históricos e lugares recoñecibles que nos quedan máis próximos. É o caso, entre outros, do castelo de Moeche e as igrexas de San Xoán e San Xurxo, ou distintos recunchos do Pazo da Marquesa, do claustro conventual e da igrexa de Santa María a Maior do Rosario.

Estampas non maiores ca un folio trazadas con liñas finas en branco e negro que Santos San Cristóbal Paramés replicaron como postais por medio da técnica litográfica, cun acabado que lembra as primeiras edicións de paisaxes que tanto éxito tiveron a principios do século pasado, ata que a fotografía se impuxo neste tipo de misivas. A recuperación deste fondo supón, por esta mesma razón,  un tributo á tradición artesanal da litografía de debuxos feitos á pluma.

As postais foron editadas en tiraxe limitada de 500 caixas, cada unha cun conxunto de 16 imaxes, e foron protagonistas de exposicións na sala Carlos III de Ferrol e en varios concellos da comarca. A itinerancia prosegue agora en San Sadurniño coa mostra dos orixinais, cos que a imprenta Paramés quere achegar esta parte do patrimonio gráfico a máis público. A

A iniciativa conta tamén co apoio do director de Exponav, Rafael Suárez, quen colaborou na dixitalización dos arquivos, parte deles expostos estes días en San Sadurniño. A mostra dos debuxos de Santos San Cristóbal poderá visitarse ata finais deste mes de xuño nos horarios de apertura das dependencias municipais: de luns a venres, agás festivos, de 08:30 a 14:30 horas.

Algúns dos debuxos da mostra de Santos San Cristobal en San Sadurniño e que no seu día editou a Imprenta Paramés como postais (Fotos: César Galdo)
Algúns dos debuxos da mostra de Santos San Cristobal en San Sadurniño e que no seu día editou a Imprenta Paramés como postais (Fotos: César Galdo)
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.