PUBLICIDADE

Xunta e Vilamarín investirán case 230.000 euros no abastecemento de Xagrade e O Vilar

PorBisbarra

Martes, 21 Xaneiro 2025 , ,
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o alcalde e Vilamarín reuníronse para asinar o investimento para o abastecemento. Foto: Mónica Arcay Carro.A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o alcalde e Vilamarín reuníronse para asinar o investimento para o abastecemento. Foto: Mónica Arcay Carro.

A Xunta de Galicia e o Concello de Vilamarín destinarán preto de 230.000 euros a dotar de servizo de abastecemento aos núcleos de Xagrade e O Vilar. Neste senso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, reuníronse esta mañá no marco da colaboración técnica financeira entre ambas administracións.

Esta actuación será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Así pois, incluirá, entre outros aspectos, a derivación para toma en condución existente e a instalación de tubaxes de distribución cunha lonxitude aproximada de 2,5 quilómetros. Así mesmo, instalaranse elementos auxiliares como válvulas, ventosas ou bocas de rega e un contador de medida.

A conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza. De feito, neste caso a Administración autonómica asume máis do 90% do investimento e o Concello aporta a porcentaxe restante.

PUBLICIDADE

Neste sentido, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros. A finalidade é seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento; así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.