A Familia Caamagno presentou o seu último traballo, Disco Comarcal, nunha sala compostelá que colgou o cartel de Sold Out e que transportou ao público ata aquela movida das principais vilas da comarca á que peregrinaba a mocidade na noite dos sábados
A Familia Caamagno converteu, o pasado venres 6 de febreiro, a compostelá Sala Capitol nunha desas verbenas e discos de finais dos anos 90 e dos 2000, agora en ruínas, situadas en zonas nas que había moita movida como Santa Comba, Melide, Negreira, Touro…, e ás que peregrinaba a mocidade de toda a comarca na noite dos sábados.
Disco Comarcal, tercer LP dos de Sigüeiro que cumpren 15 anos de traxectoria, é unha homenaxe a estas discos e verbenas, o que se evidenciou na súa presentación, facendo bailar e cantar ao público asistente a unha Capitol que conta cun aforo dunhas 800 persoas.
Previamente, e cando aínda quedaban entradas na taquilla, a banda emerxente Ulex foi a encargada de abrir o concerto. Os mozos composteláns, que teñen á Familia Caamagno como unha das súas influencias da nova escena musical galega, ofreceron o seu “rock atolondrado” de Lonxe de ti, ataviados cos seus monos azuis e quentando unha sala que colgou o cartel de Sould Out antes da entrada dos de Sigüeiro.

A bola de teselas espello comezou a xirar coa saída de Manuele, Jess, Francesco, Lano e Toni, a Familia Caamagno, que anunciaban algunhas sorpresas, e moito ritmo e baile nunha gran verbena para presentar Disco Comarcal. Non faltaron temas senlleiros dos seus primeiros traballos como Non saio máis, O mundo está derrotado, O ritmo da caverna, Surfistas nazis, O día que Fraga finou ou Romper Espagna, que foron intercalando con cancións do novo disco que xa son case un himno como Bomba de calor ou o tema homónimo do novo LP, orixinando algún que outro pogo na platea.
O público bailou e vibrou a medida que transcurría a noite. Foi unha viaxe ata finais dos anos 90 e principios dos 2000 cos ritmos, que percorrían a Capitol, de Segnor do pasado, De paseo por Portugal, ou O día da festa. Segundo íanse sucendendo os temas, tamén foron chegando as sopresas como a entrada de Ale González, membro da Orquestra do Quince, que co seu sintetizador acompañou aos de Sigüeiro sumando as súas electrónicas melodías.
Os instrumentos de vento uníronse á disco-verbena con Martiño, María e Miranda, tamén integrantes da Orquestra do Quince, iniciativa asociada á Familia Caamagno para as súas actuacións en directo. A gran festa estaba próxima ao seu fin e o público suorento de bailar chegou á máxima efervescencia cando soou Ritmo de la noche, popularizado polos belgas Mystic, que é unha versión do grupo alemán Chocolate, e que foi todo un himno nas discotecas galegas e españolas de finais dos anos 90.
Cando a presentación de Disco Comarcal estaba a punto de chegar ao seu fin, a Familia Caamagno interpretou o cover do clásico de Juan Pardo, Xuntos. Pouco despois, as luces do escenario menguaron en intensidade, as da Sala Capitol prendéronse e a “muñecada” continuou a disco-verbena e a noite na posfesta que estaba preparada no Riquela cos DJs Pídechas o corpo.



