PUBLICIDADE

O Arquivo Histórico Audiovisual da Escola de Gaitas de Ourense incorpora 300 pregos do cordel do S. XIX, a “prensa” do pobo

O Arquivo Histórico Audiovisual da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense acaba de incorporar ao seu fondo documental trescentos pregos de cordel do século XIXO Arquivo Histórico Audiovisual da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense acaba de incorporar ao seu fondo documental trescentos pregos de cordel do século XIX

O Arquivo Histórico Audiovisual da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense vén de incorporar ao seu fondo documental 300 pregos de cordel do século XIX, un conxunto de pezas de enorme valor histórico e etnográfico que supón un paso decisivo na preservación da memoria colectiva e da tradición oral de Galicia.

Estas composicións, tamén coñecidas como coplas de cego ou romances, pasan a enriquecer un arquivo histórico que ten como principal obxectivo salvagardar e estudar unha das manifestacións máis singulares da cultura popular galega.

As coplas de cego foron, desde o século XIV, un dos principais vehículos de transmisión de historias, sucesos e noticias entre a poboación. Popularmente denominadas como os “libros dos pobres”, eran creadas e difundidas por persoas moitas veces iletradas, pero cunha extraordinaria capacidade narrativa e comunicativa.

PUBLICIDADE

A súa función era dobre: informar e entreter. Os seus contidos centrábanse, maioritariamente, en acontecementos tráxicos, crimes escabrosos, feitos extraordinarios ou noticias insólitas que espertaban o interese popular.

As coplas de cego que incorpora o Arquivo Histórico deron orixe á literatura de cordel

Estes documentos eran difundidos polos cegos cantores, herdeiros da tradición dos xograres medievais, que percorrían feiras e prazas acompañados dun axudante e de instrumentos como a zanfona ou o violín. Mentres cantaban os romances, vendían os pregos que penduraban de cordas, dando orixe á denominada literatura de cordel.

Con esta nova incorporación, a Deputación de Ourense reafirma a súa aposta por converter a provincia nun centro de referencia para o estudo da literatura lírica popular galega. Trátase dunha tradición romancística que se mantivo viva durante arredor de catro séculos, pero que comezou a desaparecer en Galicia a partir da década de 1960 coa desaparición dos últimos cegos cantores.

Neste ámbito, Ourense mantén un vencello especial con esta expresión cultural a través da figura de Lucía da Conceição Fernandes, natural do Covelo (Viana do Bolo), recoñecida como a derradeira cega cantora da provincia. Os seus cantares foron editados pola propia Escola de Gaitas no ano 2005, contribuíndo á súa conservación e difusión.

Desde a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense faise un chamamento público a todas aquelas persoas ou familias que poidan conservar coplas, romances ou pregos de cordel nos seus fogares. O obxectivo é catalogar, estudar e protexer este material antes de que se perda definitivamente, garantindo a súa conservación para as vindeiras xeracións. As persoas interesadas poden contactar directamente co director da Escola de Gaitas, Xosé Lois Foxo, no teléfono 606 46 65 46.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.