A XVIII Feira Medieval da nobre Vila de Padrón transformará durante tres xornadas o corazón histórico do municipio nun gran mercado ao aire libre con música ao vivo, maxia, espectáculos de rúa e unha ampla programación para todos os públicos
A XVIII Feira Medieval da nobre Vila de Padrón transformará, dende o venres 4 ata o domingo 6 de xullo, o corazón do histórico da vila nun gran mercado medieval ao aire libre. Unha cita organizada polo Concello e que volverá a converter as rúas da localidade en espazos cheos de vida, oficios antigos, espectáculos de rúa, música ao vivo, teatro, animación e unha infinidade de propostas para todos os públicos.
O cartel e a programación desta XVIII Feira Medieval foron presentados a pasada semana polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, a concelleira de Festas, Chus Campos, e o técnico de Turismo, Alberto Rey, que destacaron durante o acto o valor desta cita tanto para o dinamismo cultural e turístico de Padrón como para a participación activa da veciñanza.
A Feira Medieval, que xa é unha cita consolidada dentro do calendario festivo e cultural de Galicia, reunirá a artesáns de toda a península, compañías artísticas e grupos de música tradicional, así como un amplo abano de actividades infantís e familiares.
Venres 4 de xullo: arrinca a Feira Medieval cun mercado cheo de vida
A xornada inaugural comezará ás 19:00 horas coa apertura do mercado medieval e dos obradoiros artesáns, situados na praza de Macías. Os visitantes poderán ver de preto antigos oficios coma o vidro soprado, a olaría ou o traballo do coiro.
A música será protagonista dende o primeiro momento co grupo Turdión, que amenizará as rúas durante toda a tarde-noite cun repertorio medieval e animado. Ás 20:30 horas, o ritmo da batukada Kilombeiros de Monte Alto tomará as rúas nun espectáculo itinerante que encherá Padrón de son e cor. Os máis pequenos tamén terán o seu espazo coa maxia infantil ás 21:15 horas e un novo pase musical de Turdión ás 22:00 horas.
Sábado 5 de xullo: xornada central da Feira Medieval
A segunda xornada arrancará ás 11:00 horas coa reapertura do mercado, e ás 12:00 horas celebrarase o acto institucional que marcará un dos momentos máis simbólicos do evento: a presentación oficial da XVIII Feira Medieval coas corporacións municipais de Padrón e Arjonilla (Xaén) -irmandadas pola figura de Macías O Namorado-, acompañadas da deusa Thea, personaxe mitolóxica que guiará a celebración.
Durante todo o día haberá actividades infantís, coma o barco e a noria de madeira, mesas lúdicas, pintacaras e espectáculos de maxia ás 13:15 horas na praza de Macías. A música de Turdión volverá estar presente ás 13:30 horas que dará pasoá tradicional Hora del Buen Yantar ás 14:00 horas.
A programación retómase pola tarde cun momento moi especial: o concerto de Xoán Curiel na igrexa de Santiago de Padrón ás 18:30 horas, baixo o título Treides comigo!, coa presenza institucional das dúas corporacións municipais.
Desde as 19:00 horas volve a actividade ao mercado cos obradoiros, o regreso de O Sacho Selfie, personaxe cómico que animará o recinto co seu humor, novas sesións de música con Turdión, e atraccións e xogos para cativos. A partir das 21:00 horas, o espectáculo Deusa Thea e os Personaxes de Luz percorrerán o mercado, creando unha atmosfera máxica e visual.
O gran peche do sábado será ás 23:00 horas co espectáculo SubUmbra da recoñecida Compañía Troula, un show itinerante de lume, acrobacias e teatro visual que sorprenderá a todas as idades.
O domingo, última xornada, arrinca ás 11:00 horas coa apertura do mercado e a animación do espectáculo Bosque Viviente, que levará música e maxia tamén ao tradicional mercado dominical. Ás 12:00 horas terá lugar a entrega dos premios de engalanamento en ornato, recoñecendo o labor da veciñanza e dos comercios na ambientación medieval da vila. Ás 13:00 horas, os visitantes poderán retratarse no photocall cos Personaxes do Mercado, situado na praza de Baltar, antes de que Turdión regrese para poñer banda sonora ao mercado ao mediodía.
Xa pola tarde, a partir das 19:00 horas, chegan Os Monifates, unha proposta familiar na que marionetas, música e humor conviven nunha actuación divertida e entrañable. A festa continuará co pasarrúas do Bosque Viviente, espectáculos de maxia, obradoiros e animación ata a peza final de despedida ás 00:00 horas, que marcará o fin dunha nova edición da feira, á espera da seguinte.
A XVIII Feira Medieval de Padrón supón un escaparate cultural e turístico. O obxectivo é fomentar a participación cidadá, impulsar o comercio e a hostalería local, ao tempo que se ofrece tanto á veciñanza como ás persoas visitantes unha experiencia inmersiva, pensada para todos os públicos, e cun programa que combina tradición e creatividade.




