PUBLICIDADE

As Festas do Apóstolo presentan o seu cartel, a programación completa e descoñécese quen dará o pregón o día 22

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e a autora do cartel das Festas do Apóstolo 2026, Iria Aldegunde, durante a presentación da programación completa das celebraciónsA concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e a autora do cartel das Festas do Apóstolo 2026, Iria Aldegunde, durante a presentación da programación completa das celebracións

O cartel das Festas do Apóstolo foi deseñado pola historietista, debuxante e ilustradora Iria Aldegunde no que homenaxea ao pintor, escenógrafo e pioneiro do deseño galego Camilo Díaz Baliño

As Festas do Apóstolo 2026 presentaron esta semana o cartel e o programa completo dunhas celebracións patronais que se desenvolverán do 22 ao 31 de xullo. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, que estivo acompañada durante a presentación da deseñadora do cartel, a historietista, debuxante e ilustradora Iria Aldegunde, destacou que a proposta deste ano “segue a liña de anos anteriores con programación diversa, inclusiva, para todos os públicos e poñendo en pé de igualdade a cultura de noso con outras manifestacións artísticas chegadas doutras latitudes”.

O orzamento global das festas asecende aos 900.000 euros segundo fontes consultadas por Bisbarra, dos cales 259.569 euros destinaránse ao espectáculo pirotécnico, e 100.000 euros ao espectáculo de videomapping do Pazo de Raxoi que foi presentado con anterioridade como a gran novidade desta edición das Festas do Apóstolo.

O cartel das Festas do Apóstolo 2026 homenaxea o pintor, escenógrafo e pioneiro do deseño galego Camilo Díaz Baliño, segundo explicou Lueiro que lembrou que este verán se cumpren 90 anos do seu asasinato, así coma o de Lorca ou Ánxel Casal, entre as vítimas do golpe militar do 36. Nese tempo, Díaz Baliño levaba dez anos sendo o autor dos carteis das festas compostelás

PUBLICIDADE

Iria Aldegunde citou a Vicente Risco para aludir aos catro elementos que configuran a composición na obra de Díaz Baliño: o casamento do Ideal coa Tradición, da Esperanza coa Lembranza. Neste caso a Tradición atópase na Catedral, púrpura como o traxe dos cardeais e que reflicte a fe, a paz e a liberdade; a cor verde da Esperanza está na noria, un dos elementos máis icónicos  das festas compostelás, que representa a alegría precisa para seguir adiante; e a Lembranza, na figura feminina central, inspirada no icónico cartel de Díaz Baliño en prol do Estatuto de Galicia.

A paleta de cor está inspirada na segunda etapa do deseñador con azuis solemnes e o estilo bebe de períodos posteriores, caracterizadas pola expresión do esencial na forma. 

O cartel das Festas do Apóstolo 2026 obra da debuxante, ilustradora e historietista Iria Aldegunde

Iria Aldegunde é unha ilustradora compostelá  que compaxinou os seus estudos de filoloxía coa súa formación en cómic na escola profesional de banda deseñada O Garaxe Hermético de Pontevedra. Participou nos libros colectivos Florencio (2022) e Gaspariño XXI (2023). No 2024 adaptou a cómic Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas ao que adicarán o Día das Letras Galegas do 2027.

Festas do Apóstolo 2026, “calidade e diversidade cultural” 

En canto ás actuacións, Pilar Lueiro subliñou que “o programa está feito buscando o desfrute da xente dende a calidade e diversidade cultural e para que chegue a todas as idades”.

O estilo versátil centrado na música clásica da Real Filharmonía para comezar as festas o día 22, dará paso no mesmo escenario ao reggae do londinense Julian Marley o día 23. Na véspera do día grande, como estaba xa anunciado, poderase gozar da música tradicional mexicana de Lila Downs e da mestura de pop, tradicional galega e latinoameriana de Belém Tajes.

O 25 de xullo, día grande das festas, serán as Xornadas do Folclore para ir abrindo boca de cara á xornada do domingo co Tradfest con música, artesanía, animación, a Banda Municipal de Música con Pedro Lamas, o Día do Traxe … “en definitiva, máis de 12 horas de música de inspiración tradicional con participación de artistas de Galicia, Arxentina, Portugal, Escocia e Castela”, explicou a responsable municipal de Festas.

O luns chega con forza o rock and roll da man da gaditana La perra blanco, en contraste co que atoparemos o martes 28 de xullo cunha festa xitana galega, A Tarara, con moito flamenco galego e non galego. Pasado o ecuador das festas, chega a madrileña Bewis de la Rosa, o mércores 29; mais a impulsora do rap rural non estará soa na Quintana, ao escenario tamén subirá Eris Mackensie con fusión de electrónica con música galega.

O xoves 30 de xullo, sobe ao escenario a banda de mulleres de indie-rockShego, no que será o concerto Estrella Galicia destas festas e xa o ramo ao escenario da praza da Quintana poñerallo a música en galego de The Rapants.

O Apóstolo tamén contará con orquestras, música de cámara, cinema e alboradas

Na Alameda actuará o xoves 23 a Orquestra Finisterre, o 24 a Compostela, o 25 Tania Veiras e os Cumbiapop, o 30 Costa Dorada  e o 31 Suavecito. Tampouco faltarán á cita coas festas a música de cámara dos Peregrinos musicais: o luns 27 e mércores 29 no Teatro Principal, martes 28 en San Martiño Pinario.

Volve ademais un éxito de anos pasados como é o ciclo Compostela Cinema con proxeccións de luns 27 a xoves 30, que serán na praza da Lavacolla, praza da veciñanza na Gracia, exterior do centro sociocultural de Berdía e parque Eugenio Granell.

A música tradicional da cidade estará ben representada polos grupos Muiñeiros do Sarela, Pana Raiada, o Castro de Figueiras, Pena Maior de Marrozos e o Grupo Novo Río Sarela nas alboradas que percorrerán a cidade nas mañás das festas. Sen esquecer como peche o día 31 os Cantos de taberna no barrio de San Lázaro e na rúa de San Pedro con Xirandaina e Os Estalotes.

Haberá ademais xadrez ao aire libre na Alameda, baile moderno na Quintana, a Festa Pícara o día 23 de xullo no Parque de Galeras de 17:30 a 21:00 horas. As populares atraccións estarán instaladas na Alameda do 19 de xullo ao 2 de agosto e os fogos artificiais lanzaranse coma o ano pasado desde tres puntos (a Alameda, a escalinata das Fontiñas e a Cidade da Cultura) o día 24 e desde a Alameda o 31. A persoa encargada de ler o pregón será anunciada nos vindeiros días.

Como en anos anteriores haberá un Punto lila na Alameda do 22 ao 31 de xullo de 20.00 a 1.00 horas e tres días de atraccións sen ruído: de 17 a 19 horas os días 21, 28 e 29.  

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.