PUBLICIDADE

O Carballiño estende o programa cultural do Nadal durante o mes de xaneiro

O Carballiño recibirá, o 18 de xaneiro, a visita do monologista e humorista Agustín Jiménez co seu especatáculo 'Generacional'O Carballiño recibirá, o 18 de xaneiro, a visita do monologista e humorista Agustín Jiménez co seu especatáculo 'Generacional'

O Carballiño estende, este ano, a programación de Nadal durante o mes de xaneiro para que a veciñanza poida seguir desfrutando de actividades e propostas culturais para todos os gustos e idades. O humor, o teatro e a maxia serán os protagonistas das próximas semanas na vila.

“Despois do éxito de participación nas actividades das semanas de Nadal, convidamos á poboación do Carballiño e do resto da provincia a que se acheguen á vila a desfrutar do que temos preparado para este mes”, apunta Diego Fernández, concelleiro de Cultura.

Hoxe mesmo, último día antes do comezo do curso escolar, as familias poden divertirse na pista de xeo da Praza Roxa, activa desde o pasado día 31. O horario é de 11:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas, con entrada de balde que inclúe os patíns.

PUBLICIDADE

A programación continúa o próximo mércores, día 14 xaneiro, coa obra A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, de Tanxarina títeres. Trátase da adaptación dunha novela de Carlos Labraña na que se combinan marionetas, narración e música, e se reflexiona sobre valores como a amizade ou o traballo en equipo. A actividade, impulsada desde o servizo de Normalización Lingüística, levarase a cabo no
Auditorio Municipal para alumnado de Educación Primaria.

Xa o domingo 18 de xaneiro será a quenda do humorista Agustín Jiménez. O coñecido monologuista visita O Carballiño con Generacional, un show no que presenta con moito humor algunhas das diferencias actuais entre pais e fillos, desde o uso das redes sociais ata a música favorita. A cita terá lugar no Auditorio Municipal ás 19:00 horas. As entradas xa están á venda a través de giglon.com.

O Festival Máxico de San Juan Don Bosco baixará o pano ao mes de xaneiro. A esperada cita, que cada ano congrega no Carballiño a centos de afeccionados á maxia, levarase a cabo os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro. Como é habitual, haberá obradoiros e actividades de maxia e ilusionismo para público
infantil e adulto, ademais de galas e comidas de confraternización.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.