Candela Pérez, recente campioa de España Sub-12, viaxa ás Canarias para disputar o Eurokids 2025, que forma parte do Las Américas Pro Surf Fest, no que logrou a prata en 2024
Candela Pérez Dopico, surfista do concello de San Sadurniño e recente campioa de España Sub-12 de surf, disputa dende mañá e ata o vindeiro 8 de decembro en Tenerife o Eurokids 2025, cita para riders menores de 14 anos e que forma parte do Las Américas Pro Surf Fest.
A surfista de San Sadurniño medirase ás mellores promesas do continente, nun momento especialmente doce para ela, tras conseguir en Murcia o título nacional na categoría Sub-12 e coa medalla de prata no circuíto galego a pasada fin de semana na praia de Bastiagueiro, en Oleiros, enfrontándose a riders moito maiores ca ela.
Candela Pérez aterriza nas Illas Canarias co obxectivo de mellorar ou igualar o segundo posto que conseguiu o ano pasado, mais tamén co de seguir aprendendo e medrando. Ademais, o Eurokids 2025 será unha boa oportunidade para que poida medir o seu nivel fóra de Galicia.
A pouco de entrar na auga nas praias de Arona, en Santa Cruz de Tenerife, Candela Pérez móstrase tranquila, pero con ese punto de nervios que anuncia que vén algo grande. “É unha categoría superior, con máis nivel”, recoñece, consciente de que este Eurokids, valedeiro para o título do Europeo Sub-14 e para os rankings nacionais Sub-10 e Sub-12, reúne surfistas de gran nivel. “Pero se me esforzo, me concentro e surfeo como sei surfear, podo ter algunha posibilidade”, asegura a campioa de España.
Para min é unha experiencia e, se me esforzo, dame igual que gane ou que perda” (Candela Pérez Dopico, campioa de España Sub-12 de surf)
Pérez Dopico explica que o formato do campionato establece por participante “20 minutos e un máximo de 15 ondas, que é algo bastante difícil de facer nese tempo”, e engade que os xuíces “valoran os xiros, a forza coa que os facemos, as manobras… Eu a verdade é que estou nerviosa… pero tampouco tanto, porque aínda non sei contra quen me vai tocar nin cantas somos”, recoñece.
Malia a súa idade, fala da competición cunha madurez que sorprende. E tamén coa paixón de quen descubriu este deporte por pura curiosidade: “Un verán vía a xente surfear en Valdoviño e Pantín. Eu non sabía o que era, pero quería aprender”.
Candela empezou a surfear “con sete ou oito anos”, e dende entón a súa vida organízase ao redor das ondas e dos libros. “Teño clase de surf tres días e despois vou surfear un día máis. Adestro físico, pero surf fago uns cinco días á semana”, conta. A conciliación non é sinxela, pero ten as prioridades claras: “Primeiro estudar, pero sempre saco tempo aos poucos para surfear”.
Ao seu carón, sempre a familia. A nai, Cristina Dopico Barro, confirma que todo naceu de forma natural: “Ves que lle gusta, que o está pedindo, e inténtao. Así empezou e aí segue”. A familia enteira está volcada co seu progreso deportivo nunha disciplina que segue sendo minoritaria e que require un importante esforzo. “Para as familias é complicado, porque tes que moverte moito. Pero a ela gústalle e fas o esforzo de levala adestrar porque o desfruta e quere competir”, explica. “Xa está saíndo desta zona, acabamos de vir de Murcia e de Cádiz dun campionato de España e agora toca o Europeo. Do que se trata é de desfrutar”.
O esforzo tamén é económico. “Sen patrocinadores é moi complicado. E nós temos que movernos toda a familia porque temos outra nena pequena”, lembra Cristina, quen agradece a colaboración do Concello de San Sadurniño, que figura como patrocinador na táboa da campioa, e doutras firmas. Tamén agradece o labor do equipo RSM da escola que dirixe Rubén Sanmartín Mayobre, clave para que a deportista poida seguir acumulando experiencia e mostrando o seu talento dentro e fóra de Galicia.




